A rehabilitación do CEIP das Mercedes inclúe a renovación integral da cuberta

LugoXa
As obras executadas permitiron solucionar problemas estruturais e de filtracións nun edificio cun tellado de 60 anos de antigüidade
obras-CEIP-As-Mercedes-Lugo
30 Jan 2026

A primeira fase da rehabilitación integral do CEIP das Mercedes, en Lugo, permitiu acometer unha ampla intervención no edificio, centrada principalmente na renovación completa da cuberta e noutras actuacións de mellora estrutural e funcional, cun investimento próximo aos 560.000 euros. A estas actuacións sumarase unha segunda fase, tal e como explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, prevista para 2027, que elevará o custo total da rehabilitación a máis de 800.000 euros.

Os traballos xa executados incluíron o cambio da cuberta dos tres volumes que compoñen o colexio, cunha superficie total de 670 metros cadrados. A intervención supuxo a demolición do forxado existente e da cubrición de pizarra, así como a colocación dunha nova estrutura con illamento térmico e nova cubrición, adaptada aos estándares actuais de calidade. Ademais, reforzouse a estrutura baixocuberta e renováronse os lucernarios de policarbonato do patio da planta baixa, que foi necesario retirar para poder executar a obra.

A rehabilitación permitiu tamén resolver problemas de filtracións previas e reparar danos na ala esquerda do edificio derivados dunha entrada de auga producida durante as obras do pasado verán, causada pola rotura dun tubo da calefacción da segunda planta. Estas actuacións complementáronse coa renovación da pintura nas tres plantas do edificio, a reparación parcial da instalación eléctrica e a instalación de falsos teitos e nova iluminación en todas as aulas desta zona, así como nos despachos de orientación e dirección, na sala de profesores e na entrada principal. A obra atópase practicamente rematada, pendente unicamente dun remate nun falso teito.

Con esta primeira fase solucionouse tamén un problema puntual de colapso dunha pequena parte do forxado da cuberta ocorrido no mes de xuño. Dada a antigüidade do tellado, que superaba os 60 anos, optouse por substituílo na súa totalidade para garantir a seguridade e mellorar as condicións do edificio.

A segunda fase da rehabilitación, cun investimento estimado de 250.000 euros, centrarase no cambio das fiestras e noutras actuacións destinadas a mellorar a eficiencia enerxética do centro. O proxecto será redactado ao longo deste ano, co obxectivo de licitar posteriormente as obras.

No conxunto da cidade de Lugo, a Xunta de Galicia mantén en marcha actuacións en centros educativos por un importe global de 18 millóns de euros, no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Entre elas inclúese a ampliación do Instituto Muralla Romana, cun investimento de 1,6 millóns de euros, así como o novo edificio de cociñas do IES Sanxillao, cun custo de 1,8 millóns de euros.

⚙ Configurar cookies
0.083028793334961