A Reserva da Biosfera Terras do Miño comparte con Perú e Panamá experiencias sobre apicultura

LugoXa | TerraChaXa
O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, recibiu este mércores unha delegación que participa nun proxecto de cooperación internacional centrado na cría de abellas
visita-peru-e-panama-reserva-terras-do-mino
23 Sep 2026

O deputado de Medio Ambiente e vicepresidente do Órgano Reitor da Reserva da Biosfera Terras do Miño, Carlos López, recibiu este mércores na reserva a unha delegación de Perú e Panamá. O grupo participa nun proxecto de cooperación financiado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) que está centrado na apicultura climaticamente intelixente.

A comitiva está integrada por profesionais e investigadores do Instituto de Innovación Agropecuaria de Panamá e do Consorcio Manglares do Noroeste de Perú, vencellados á Reserva da Biosfera Noroeste Amotapes-Manglares. Xuntos participan nun programa de intercambio coa Universidade de Santiago de Compostela.

Durante a xornada, a delegación visitou o apiario escola de Teixeiro, propiedade da Deputación de Lugo e xestionada pola Asociación Provincial Lucense de Apicultura (APLA) e posteriormente a Casa das Insuas, onde a institución provincial mantén un acordo de custodia do territorio coa Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Estiveron acompañados polo deputado, que destacou no Pazo de San Marcos, onde acudiron ao final da xornada, o valor deste intercambio entre territorios con realidades naturais moi diferentes, pero que comparten retos como o cambio climático e a conservación da biodiversidade.

“É un orgullo poder compartir con vós o traballo que facemos desde Lugo nun ámbito que nos une: o coidado do patrimonio natural e a procura dun desenvolvemento sostible. As Reservas da Biosfera permítennos compartir experiencias, aprender uns dos outros e buscar solucións fronte a retos que son comúns”, sinalou Carlos López.

Declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO en 2002, Terras do Miño conta con 363.669 hectáreas repartidas por 26 concellos, o que a converte na maior Reserva da Biosfera de Galicia. O seu territorio destaca pola riqueza dos ecosistemas ligados ao río Miño e os seus afluentes, con humidais, lagoas, ríos, turbeiras e importantes espazos naturais.

A singularidade de Terras do Miño reside tamén en que a conservación destes valores naturais convive coa actividade das comunidades locais e co desenvolvemento de actividades económicas sostibles, unha filosofía que conecta directamente cos obxectivos do proxecto internacional no que participa a delegación.

A provincia de Lugo ten máis do 80% do seu territorio declarado Reserva da Biosfera. Dúas reservas están xestionadas pola Deputación de Lugo (a de de Terras do Miño e a de Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá) e a xestión das outras dúas (a de Río Eo, Oscos e Terras de Burón e a de Ribeira Sacra, Serras de Oribio e Courel) é compartida coa Deputación de Ourense.

A visita a Lugo dos especialistas peruanos e panameños formou parte dun programa máis amplo que os levou tamén ao Centro de Investigación, Capacitación e Promoción Apícola (CICAPI), en Coristanco, e á Ribeira Sacra, onde coñeceron experiencias vinculadas á apicultura ecolóxica.

0.14414095878601