A Reserva dos Ancares Lucenses convoca o seu IX Concurso de Fotografía con premios de ata 800 euros

A Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá celebra o seu 20 aniversario cunha nova edición do seu concurso de fotografía. A Deputación de Lugo mantén aberto o prazo de inscrición para participar na novena convocatoria, que repartirá tres premios de 800, 500 e 300 euros.
As fotografías deberán reflectir a riqueza natural, cultural e etnográfica deste territorio, así como as tradicións e os oficios vinculados a el. A Reserva abrangue 53.664 hectáreas nos concellos de Cervantes, Navia de Suarna e parte de Becerreá.
Cada participante poderá presentar unha única imaxe, en cor ou en branco e negro, tomada dentro dos límites da Reserva e que non fose premiada en edicións anteriores.
### Como presentar as fotografías
As persoas interesadas deberán entregar a imaxe en formato dixital, nun CD ou memoria USB, e achegar tamén unha copia en papel fotográfico. Todo o material presentarase nun sobre no que figuren os datos persoais da persoa participante, o título da obra e o lugar no que foi tomada.
A documentación poderá entregarse no Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos, en Lugo, ou enviarse por correo certificado ao enderezo Praza de San Marcos, 8, 27001 Lugo. Se se presenta noutro rexistro, será necesario enviar ese mesmo día un correo electrónico a medioambiente@deputacionlugo.org co xustificante correspondente.
Degustación de tenreira, micoloxía e rescate na montaña
A programación polo 20 aniversario continuará nas próximas semanas con actividades relacionadas coa gastronomía, o patrimonio e o medio natural.
O 24 de outubro celebrarase en San Román de Cervantes a VI Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares. O día 31 terá lugar unha xornada micolóxica na Escola de Barcia, en Navia de Suarna, de 10:00 a 14:00 horas.
Xa o 7 de novembro, o edificio de Servizos Múltiples de San Román de Cervantes acollerá un obradoiro de rescate na montaña, con dúas sesións: de 9:00 a 15:00 horas e de 16:30 a 22:30 horas.
A programación completarase nos meses seguintes con iniciativas de educación ambiental, identificación de especies alóctonas, Nordic Walking, divulgación sobre artesanía alimentaria e seguimento das abellas silvestres, entre outras propostas.