A residencia de Ribadeo celebra o primeiro ano da súa posta en marcha

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O alcalde lembrou que “hai un ano abrimos as portas deste centro e demóstrase tamén con feitos que o experimento funciona, que a colaboración na xestión entre o Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo funciona e funciona moi ben.
poligono_friol
16 Xuño 2020

O alcalde lembrou que “hai un ano abrimos as portas deste centro e demóstrase tamén con feitos que o experimento funciona, que a colaboración na xestión entre o Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo funciona e funciona moi ben. Polo tanto seguiremos apoiando, coidando e loitando con todas as ansias e con todos os esforzos para que todo isto siga sendo así”.

A concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, declarou que “tanto eu como as miñas antecesoras, como concelleiras, estamos moi contentas e moi orgullosas de poder celebrar con todos vos este primeiro ano de funcionamento do centro. Aínda que sexa así, a distancia e sen poder estar fisicamente con todos vos, queremos felicitarvos polo ben que o estades a facer, polo ben que o estades a levar todos, tanto residentes como traballadores e traballadoras. Desde a Área de Servizos Sociais do Concello seguimos traballando e seguimos intentando mellorar para que este centro siga sendo o que xa é, que é a vosa casa. Nos vindeiros días queremos rematar o pintado dos camiños para que poidades saír e a pista de petanca para que poidades desfrutar nestes días de verán. Tamén seguiremos colaborando nas numerosas actividades que se organizan ao longo de todo o ano como pode ser o magosto e o Nadal. Así que celebrade o día, pasádeo ben e oxalá poidamos seguir celebrando moitos anos todos xuntos”.

Para o alcalde: “este centro ilustra o inicio do noso soño aló pola primavera de 2012, do soño colectivo de tanta xente que queríamos para Ribadeo unha nova residencia que unise tres principios inquebrantables e indiscutibles: que fose en Ribadeo, que fose preferentemente para a xente de aquí e que fose tamén a prezos asumibles para as súas situacións económicas. Houbo que facerse valer e vaia se nos fixemos valer. Loitamos incansablemente mulleres e homes de aquí e de aló. Algúns fixéronse os xordos e non axudaron nadiña e outros atenderon sempre as nosas xustas demandas e o soño volveuse realidade, tan realidade que agora é a vosa casa, o voso fogar. Hoxe ademais cumprindo o primeiro aniversario do inicio da actividade”.

Fernando Suárez pensa que “poucas cousas poden honrar máis a un representante dos veciños que ver á nosa xente maior feliz, feliz por continuar as súas vidas da maneira máis confortable posible e rodeada de profesionais que lles fan a súa vida máis agradable chegando a converterse en parte da súa familia. Tamén felices de ver aos seus familiares, aos seus fillos, ás súas fillas, aos seus netos e ás súas netas, que saben que teñen aos seus seres máis queridos aquí, ben pretiño deles, vivindo esta nova etapa das súas longas vidas e así que ha ser desde logo por moito tempo”.

0.1790668964386