A reunión dos gandeiros concentrados en Lugo coa conselleira de Medio Rural remata sen acordo

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Continuarán durante a xornada de mañá coas concentracións, incluíndo una andaina desde a Xunta ata a Subdelegación
reunion-conselleira-medio-rural
15 Jan 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo este mediodía unha reunión con representantes das asociacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema. Esta xuntanza enmárcase nos contactos permanentes que se veñen establecendo cos produtores da nosa comunidade e súmase ás mantidas con anterioridade, como a de onte en Ourense ou a do pasado 5 de xaneiro, co fin de coñecer as súas demandas e defender os seus intereses ante o novo acordo entre a Unión Europea e Mercosur. Seguindo esta liña, mañá venres está convocado o Consello Agrario.

Trala reunión, os convocantes das mobilizacións aseguraron que debido á falta de compromisos continuarán coas súas accións reivindicativas.

Tal e como avanzou onte mesmo en Ourense, a conselleira afirmou que se incrementarán os controis en Galicia ante o acordo co Mercosur e que se creará unha estratexia para aumentar a promoción dos produtos agroalimentarios elaborados na comunidade, especialmente daqueles que conten con algunha certificación de calidade. Para facelo, citarase a representantes da distribución, unha parte esencial da cadea de valor. Ao fío deste incremento dos controis, fixo referencia á necesidade de intensificar as inspeccións na fronteira, unha cuestión que é competencia directa do Goberno Central.

Tamén con respecto a Mercosur, reafirmou María José Gómez, seguirase a esixir ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, como xa se fixo en reiteradas ocasións, que calquera produto que entre en España debe cumprir os mesmos requisitos sanitarios que respectan dende hai anos os produtores da Unión Europea. En relación coas cláusulas de salvagarda, insistiu de novo en que son indispensables para a Xunta de Galicia. Estas condicións deben ser garantidas ao longo de todo o acordo, e por esta razón se lle segue a reclamar ao Goberno de España que defenda con insistencia este punto.

Neste xuntanza tamén se abordaron as inquedanzas vencelladas á nova Política Agraria Común (PAC) a partir de 2028. Unha proposta que, como denunciou a Consellería do Medio Rural en numerosas ocasións, é lesiva para o sector primario galego, dado que implica un recorte de fondos e a perda dos dous piares actuais, que ata agora protexen as axudas directas e as partidas de desenvolvemento rural.

Así, asegurou que dende a Xunta seguirá a defenderse ante o Ministerio e a Unión Europea un cambio nesta proposta comunitaria e avanzou que este será o asunto principal a tratar este venres no Consello Agrario. Así mesmo, tamén concretou que se reclamará unha redución de burocracia e requisitos no marco da nova PAC.

Sobre sanidade animal, María José Gómez salientou o compromiso do seu departamento por manter o status sanitario da cabana gandeira galega. En relación coa dermatose nodular contaxiosa (DNC), transmitiu de novo unha mensaxe de tranquilidade ao sector, xa que esta doenza non chegou ata Galicia polo de agora e nestes momentos só se constatou a súa presenza en Cataluña. Aínda así, resaltou que é importante seguir as medidas preventivas e de bioseguridade establecidas ata o momento na comunidade.

Así mesmo, reclamou de novo máis coordinación por parte do Ministerio en todo o ámbito nacional, co fin de que as comunidades autónomas poidan implementar medidas homoxéneas nos seus territorios. Por outra banda, lembrou a súa demanda ao Goberno central para que lidere ante a Unión Europea unha vacina marcada que poida administrarse de xeito preventivo, que solicite a rebaixa da categoría da enfermidade e que contemple indemnizacións para os gandeiros que poidan resultar afectados.

Resposta dos manifestantes

As organizacións convocantes das mobilizacións en Lugo, Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, consideran que a reunión mantida coa Consellería do Medio Rural non achegou os compromisos que o sector estima imprescindibles, polo que confirmaron a continuidade das protestas. Aínda que recoñecen a vontade da Xunta de reforzar o control e a trazabilidade dos produtos alimentarios procedentes de países terceiros, os gandeiros advirten de que esas medidas resultan insuficientes para facer fronte ás consecuencias do acordo con Mercosur.

A presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, explicou que desde a Consellería se lles trasladou que a negociación do acordo corresponde aos eurodeputados e que é nese ámbito onde se debe exercer presión política. Con todo, sinalou que o sector considera á Consellería como o seu interlocutor máis próximo e, por tanto, o espazo natural no que facer chegar as súas reivindicacións.

Ao longo da tarde, varios tractores desprazáronse por distintos puntos da cidade co obxectivo de facilitar a circulación en determinadas zonas. Xa pola noite, arredor das 22.00 horas, gandeiros e agricultores volveron concentrarse diante da sede da Xunta en Lugo, nun novo acto reivindicativo no que tiñan previsto acender os farois dos tractores como xesto simbólico de protesta. Segundo o reconto das dúas organizacións, na actualidade hai máis de 150 tractores estacionados na cidade, ocupando un dos dous carrís da Ronda da Muralla.

As mobilizacións continuarán este venres cunha nova xornada de protestas, que incluirá unha marcha a pé desde a sede da Xunta ata a Subdelegación do Goberno, tras unha nova convocatoria pola mañá.

⚙ Configurar cookies
0.087512016296387