A reurbanización da rúa Picasso transformará o espazo no barrio de Fingoi

LugoXa
O proxecto renovará calzada e beirarrúas, incorporará alumeado, saneamento e unha nova zona axardinada
rúa-Picasso-Fingoi-Lugo
31 Jan 2026

A rúa Picasso, situada no barrio de Fingoi, será obxecto dunha reurbanización integral que permitirá mellorar de maneira notable o estado do espazo público e crear un novo ámbito de convivencia veciñal. A intervención permitirá renovar por completo unha vía que actualmente presenta beirarrúas estreitas, un firme moi deteriorado e carece de alumeado público, ademais de completar a urbanización dunha zona que permanece sen acondicionar.

O proxecto que se atopa en proceso de licitación contempla a renovación total da calzada e das beirarrúas, a ampliación da rede de plataformas únicas da cidade e a creación dun novo espazo axardinado na área que aínda non está urbanizada. Ademais, incluirá a instalación de alumeado público e saneamento, mellorando tanto a seguridade como a accesibilidade da rúa.

A actuación foi presentada ás veciñas e veciños da zona nun encontro no que participaron o tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas. Durante a reunión, Arroxo sinalou que o Goberno local continúa traballando para mellorar os espazos públicos e garantir que a cidadanía poida desfrutar de rúas en bo estado e de ámbitos adecuados para a convivencia.

Con esta intervención, a Tenencia de Alcaldía avanza no modelo da chamada cidade dos 5 minutos, ao crear un novo espazo de relación veciñal no barrio de Fingoi. Segundo indicou Rubén Arroxo, o Concello segue atendendo as demandas da veciñanza e actuando nos distintos barrios co obxectivo de que Lugo avance de maneira equilibrada.

A reurbanización da rúa Picasso conta cun orzamento máximo de 89.400,54 euros e un prazo de execución previsto de 3 meses, unha vez adxudicados os traballos.

⚙ Configurar cookies
0.079224109649658