A revista Cairón presenta o seu número 8 con actos en Monterroso, Antas de Ulla e Palas de Rei

O sábado 10 de maio, ás 12:00 horas, terá lugar en Monterroso, na sede do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), a presentación do número 8 da revista Cairón, publicación que recolle investigacións, reflexións e creacións arredor da cultura, historia e identidade da comarca da Ulloa.
No acto intervirán Rubén Lois González, catedrático de Análise Xeográfica Rexional da USC, que publica o artigo “O confronto de dúas xeografías: o espazo banal e de recursos fronte ao espazo vivo e de resistencia no conflito de Altri”; Fernando Salgado, xornalista, que achega “Xénese e consolidación dos concellos constitucionais da Ulloa”; e Francisco Pardo Teijeiro, director do IEU, que contribúe co traballo “A paisaxe emocional do Camiño de Santiago na Ulloa”.
Ese mesmo día, ás 18:00 horas, celebrarase unha segunda presentación na Casa da Cultura de Antas de Ulla, presidida pola alcaldesa Pilar García Porto. Intervirán Andrea Santiso, filóloga e coordinadora da Sección de Literatura e Toponimia do IEU, coa súa análise “Arredor da toponimia maior do Concello de Antas de Ulla”; Patricia Coucheiro, profesora de filosofía e directora artística, coa súa aportación “Historias de cultura en Antas de Ulla”; e os directivos do IEU Xosé Luis Santiso e Francisco Pardo. O acto incluirá tamén a lectura do poema de Paco Ledo publicado neste número e unha intervención poético-musical da escritora Adela Figueroa, autora de varios poemas presentes na revista.
A programación culminará o domingo 11 de maio, ás 12:00 horas, cun terceiro acto no Salón de Plenos da Casa do Concello de Palas de Rei, que estará coordinado por Francisco Pardo.
Con esta triple presentación, o Instituto de Estudos Ulloáns reafirma o seu compromiso coa dinamización cultural e a posta en valor do patrimonio da Ulloa.