A Ribeira Sacra destaca nas Catas de Galicia 2026 cunha ampla representación entre os viños premiados

GaliciaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa
Adegas da denominación de orixe conseguiron galardóns en distintas categorías, mentres Vía Romana foi recoñecido co Acio de Ouro ao mellor tinto de Galicia
Cata-dos-viños-Lugo
15 Jul 2026

O Auditorio Fuxan os Ventos acolleu o acto de entrega dos premios da XXXVIII Cata de Viños de Galicia, da XXVIII Cata das Augardentes e da XV Cata dos Licores Tradicionais 2026, un certame organizado pola Xunta para distinguir os mellores viños, augardentes e licores tradicionais da comunidade.

Nesta edición das Catas de Galicia presentáronse 462 mostras correspondentes a 152 empresas, a maioría delas adegas. Máis de medio cento de expertos participaron nas precatas e nas catas finais, que contaron cun panel definitivo integrado por doce profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da enoloxía.

A gran distinción na categoría de viños tintos foi para Vía Romana, da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e situada en Chantada, que recibiu o Acio de Ouro ao mellor viño tinto de Galicia. Pola súa banda, o Acio de Ouro ao mellor viño branco foi para Cuñas Davia, da Denominación de Orixe Ribeiro.

A Ribeira Sacra foi unha das denominacións con maior presenza entre os premiados. Na categoría de Viños de Elaboracións en Madeira, Acivro conseguiu o Acio de Ouro en tintos, Finca Millara Tras das Martas recibiu o Acio de Prata e 12 Adega Vella levou o Acio de Bronce. Pola súa parte, na categoría de Viños de Colleitas Anteriores, Ibio, de Don Bernardino, foi distinguido co Acio de Ouro, mentres que Finca Millara Tras das Martas sumou un novo recoñecemento co Acio de Bronce.

Nos premios específicos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, Peza do Rei, de Adega Cachín, foi recoñecido co Acio de Ouro en viños brancos; Pasal de Esile, de Rectoral de Amandi, obtivo o Acio de Prata; e Sollío, de Juan Alberto Álvarez Rodríguez, o Acio de Bronce. Na categoría de tintos, o Acio de Ouro foi para O Prómine Singular, de Bodegas Petrón; o Acio de Prata, para P, de Adega Ponte da Boga; e o Acio de Bronce, para Cruceiro, de Ramón Marcos Fernández.

Ademais, Abadía da Cova, de Adegas Moure, foi distinguida co Pote de Puro na categoría de Augardente de Galicia.

No acto participaron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, entre outros. Durante a súa intervención, Rueda puxo en valor o sector vitivinícola galego como un dos mellores expoñentes da marca Galicia Calidade e destacou que representa tamén unha peza fundamental para manter un rural vivo, dinámico e produtivo.

O presidente felicitou a todas as adegas e empresas participantes, especialmente ás premiadas, e salientou que os viños, augardentes e licores galegos non só supoñen un importante motor económico, senón que tamén contribúen a proxectar a imaxe de Galicia no exterior, constitúen un atractivo turístico e favorecen a fixación de poboación no rural, ademais de reforzar a cohesión territorial.

Rueda reafirmou o compromiso da Xunta cun sector que, segundo indicou, conta cun amplo percorrido de futuro. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego destina este ano máis de 12 millóns de euros a distintas liñas de apoio para impulsar a elaboración e promoción dos produtos vitivinícolas, modernizar os viñedos e apoiar ás denominacións de orixe. Tamén destacou iniciativas como a Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas e o Plan Enogastronómico de Galicia, orientadas a potenciar o enoturismo e a competitividade do sector.

0.1236732006073