A Ribeira Sacra impulsa a dixitalización do sector vitivinícola cun proxecto para mellorar a competitividade

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra presentou un novo proxecto de dixitalización destinado a modernizar o sector vitivinícola, mellorando a competitividade, a eficiencia e a sustentabilidade das explotacións e das adegas. A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Deputación de Lugo e a Deputación de Ourense, foi dada a coñecer durante unha xornada formativa celebrada no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos, na que participaron preto de 80 adegas das dúas provincias, tanto de forma presencial como telemática.
O proxecto estrutúrase en dúas liñas de actuación. A primeira contempla a instalación dunha rede de estacións meteorolóxicas autónomas, alimentadas mediante paneis solares, que permitirán recompilar datos climáticos en tempo real para anticipar enfermidades da vide, planificar os tratamentos fitosanitarios e optimizar os custos de produción. A segunda baséase na implantación do software ANAWIN, unha ferramenta que permitirá dixitalizar e automatizar a xestión administrativa e técnica da Denominación de Orixe, facilitando tarefas como os rexistros, certificacións, rastrexabilidade, facturación e comunicación coas adegas e viticultores.
Na presentación participou a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, acompañada polo presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, Antonio Lombardía Crespo, e polo deputado de Infraestruturas da Deputación de Ourense, Manuel Seoane Rodríguez.
Durante a súa intervención, García Porto destacou que este proxecto é un exemplo da colaboración entre administracións para ofrecer novas ferramentas a un sector estratéxico para a provincia. A deputada lembrou que a Ribeira Sacra constitúe un dos principais referentes do territorio lucense, tanto polo seu patrimonio natural como pola tradición vitivinícola e o traballo das persoas que manteñen viva esta actividade.
A responsable provincial explicou que a Deputación de Lugo contribúe á iniciativa cunha achega próxima aos 50.000 euros, ao considerar que apoiar o sector vitivinícola tamén é unha forma de promover o territorio e reforzar unha actividade económica fundamental para o seu desenvolvemento.
García Porto subliñou que o proxecto beneficiará a preto de 2.000 viticultores e viticultoras e a case un cento de adegas, favorecendo a creación de emprego, a actividade económica e a conservación dunha paisaxe que, segundo sinalou, depende directamente do traballo diario do sector. Finalmente, agradeceu ao Consello Regulador o impulso desta iniciativa e a súa aposta pola colaboración institucional para desenvolver proxectos con vocación de futuro.