A rúa Azor está sendo obxecto dunhas obras de mellora do abastecemento da auga

Comezan as obras de mellora do sistema de abastecemento de auga na rúa Azor, unha vía situada entre a avenida da Coruña e a zona de Paradai, que conflúe coa rúa Illas Cíes. “Con esta actuación imos substituír as tubarías de fibrocemento por outras de fundición dúctil ao longo de toda a rúa, actuando en algo máis de 111 metros. Desta forma evitaremos futuras roturas na rede de abastecemento e melloraremos o servizo”, explicou o rexedor lucense, Miguel Fernández, acompañado polo edil de Urbanismo, Jorge Bustos.
A obra, que conta cunha partida orzamentaria de algo máis de 48.100 euros, contempla tamén a substitución de tapas e arquetas, a renovación de acometidas domiciliarias, a instalación de bocas de rega e de incendios e a reposición do pavimento das beirarrúas. Tanto o alcalde como o responsable de Urbanismo interesáronse pola marcha destes traballos, que teñen un prazo de dous meses, aínda que están a verse complicados polas condicións meteorolóxicas adversas. Miguel Fernández sinalou que “pese á complexidade de traballar con tanta choiva, as obras van a bo ritmo e confiamos en que poidan estar rematadas en dous meses”.
A principal actuación consiste na substitución das tubarías de abastecemento, de fibrocemento, por outras de fundición dúctil de 125, para non só renovar esta rede senón tamén evitar roturas futuras, tanto na rúa Azor como no ramal de abastecemento que bordea a Praza de San Lourenzo polo seu linde norte. A execución destes traballos esixe o levantado da beirarrúa, a colocación de by pass para garantir o servizo durante as obras, a substitución da canalización e a colocación de novas válvulas de corte, bocas de rego e de incendio onde sexa necesario.
A intervención prevé tamén a reposición das acometidas domiciliarias e, unha vez rematados os traballos, repoñerase o pavimento das beirarrúas en todo o ámbito afectado e realizarase a adaptación dos pozos e arquetas necesarias.