A rúa Serra de Meira de Lugo renovarase de maneira integral e actualizaranse os servizos

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, presentou en Lugo a actuación de renovación integral da rúa Serra de Meira, que transformará esta vía municipal e na que a Xunta investirá un orzamento de 1,1 millóns de euros.
A mellora abarcará o tramo desde a glorieta de Serra de Meira ata a glorieta da avenida Adolfo Suárez para mellorar a rúa e a súa imaxe urbana. Así, o proxecto contempla a mellora do vial, incluída a renovación do firme, así como a dotación de novas beirarrúas e pavimentación de itinerarios peonís. Ademais, actualizaranse todos os servizos (saneamento, abastecemento de auga, electricidade, telefonía) e instalarase novo alumbrado e mobiliario urbano.
Ademais, para coidar a integración paisaxística da rúa co parque do Sagrado Corazón e o entorno próximo, plantarase novo arbolado. Os traballos completaranse coa instalación de dúas novas marquesiñas de autobús.
A conselleira, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou que esta intervención enmárcase “na necesaria colaboración que temos que ter as administracións”.
Allegue lembrou que se trata dunha actuación moi esperada, na que a Xunta sempre tivo vontade de actuar, e sinalou que o proxecto inicial estivo en suspenso tras o informe desfavorable da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Posteriormente, tras as obras realizadas no ano 2024 pola Confederación e o Concello necesarias para poder retomar esta actuación, a Xunta abordou a actualización do proxecto, cuxo deseño foi configurado de forma consensuada en diferentes reunións técnicas celebradas ao longo do pasado ano entre a Administración autonómica e a local.
A conselleira recordou que presentou ao alcalde o proxecto e a proposta de convenio en outubro do pasado ano, e destacou que da inversión inicial estimada en arredor de 400.000 euros pasouse a 1,1 millóns de euros, para incluír máis intervencións de mellora neste vial que é de titularidade municipal.
A Administración autonómica aprobou o convenio no Consello da Xunta do 22 de decembro, pendente agora da sinatura por parte do Concello para que a Administración local poña á disposición os terreos “e poidamos licitar as obras e que sexan unha realidade canto antes”.
Allegue puxo en valor a actuación na rúa Serra de Meira, “que vai supoñer un antes e un despois” neste vial, cunha actuación integral para lograr un espazo máis funcional, con unha mobilidade máis segura e mellor integrada no seu contorno.