A Ruta Quintá–Río Donsal, un exemplo de emprendemento ambiental fronte ao abandono rural

LugoXa
Antonio Álvarez presentou en A Coruña os dezaseis anos de traballo da Asociación Castaño y Nogal, que permitiron recuperar 18,2 quilómetros de camiños con máis de 107 voluntarios
Asociación-Castaño-y-Nogal-en-A-Coruña
19 Nov 2026

A experiencia da Ruta Quintá–Río Donsal (PR-G 159), nos Ancares lucenses, protagonizou un almorzo-coloquio organizado por ALÍA Galicia no Hotel Plaza da Coruña, no marco do décimo aniversario da entidade. Antonio Álvarez González, presidente da Asociación Castaño y Nogal (CyN), expuxo ante os asistentes un proxecto de iniciativa cidadá que, desde 2008, traballa na recuperación do patrimonio natural, cultural e rural dos municipios de Becerreá, Navia de Suarna e Cervantes.

A iniciativa permitiu recuperar antigos camiños tradicionais e habilitar un itinerario de 18,2 quilómetros, homologado en 2013, que integra bosques, ríos, aldeas e patrimonio etnográfico. Durante estes dezaseis anos, a asociación organizou doce campos de traballo, dez internacionais e dous provinciais, nos que participaron 107 voluntarios procedentes de catro continentes. En colaboración con socios, familias e outras persoas colaboradoras, acumularon máis de 31.000 horas de traballo ambiental altruísta, ademais das dedicadas á organización, divulgación e acollida. A entidade estima que máis de 8.500 persoas percorreron total ou parcialmente a ruta desde 2010.

O proxecto tamén deu lugar a documentais, encontros artísticos, cancións, obradoiros e publicacións, ademais de colaboracións co ámbito universitario. Entre elas figuran as prácticas de Enxeñaría de Montes da Universidade de Santiago de Compostela, iniciativas de aprendizaxe-servizo e o apoio loxístico ao proxecto MEPRA, vinculado ao CISPAC e a investigadores das universidades de Santiago e Vigo. Entre os recoñecementos recibidos destaca a distinción Sendero Azul 2026, concedida pola ADEAC.

Durante a súa intervención, Álvarez recoñeceu as colaboracións das administracións públicas, pero considerou que resultan insuficientes para garantir a seguridade e o mantemento da infraestrutura. Neste sentido, reclamou unha cooperación estable entre as distintas administracións competentes e advertiu de que a conservación dun itinerario de uso público e ámbito supramunicipal non pode depender indefinidamente dunha asociación e dun reducido número de familias.

O presidente de Castaño y Nogal tamén compartiu un recordo persoal para explicar a importancia de recuperar os servizos e a dignidade do rural. Lembrou o illamento que sufría Quintá en 1964, cando un neno de trece anos tivo que ser trasladado sobre un somier, a ombros, durante máis de seis quilómetros para recibir asistencia médica. "Aquel neno era eu", revelou, vinculando aquela experiencia co seu compromiso coa recuperación do territorio.

O encontro contou tamén con seguimento telemático desde Madrid, Barcelona, Almería, Huelva e Miami, con participación de persoas vinculadas ao proxecto e ao ámbito cultural, empresarial e institucional. Entre os asistentes presenciais estivo o alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, que acudiu tamén en representación dos rexedores de Cervantes e Becerreá.

Álvarez pechou o coloquio cunha petición que definiu como o seu "testamento ambiental": "Que ninguén volva condenar ao abandono o que a xenerosidade, a cooperación e o traballo altruísta conseguiron rescatar e dignificar coa Ruta Quintá–Río Donsal". O presidente engadiu que ese é o exemplo que deixa o proxecto e a responsabilidade que transmite ás futuras xeracións, palabras que recibiron un aplauso dos asistentes.

0.17329382896423