A ruta solidaria en favor de Alume celebrarase en Lugo cun percorrido polo Camiño Primitivo

LugoXa
A iniciativa terá lugar o 28 de setembro e mantén aberto o prazo de inscrición ata o día 22
Ruta-solidaria-Alume-Lugo
12 Sep 2025

A cidade de Lugo acollerá o domingo 28 de setembro unha nova edición da ruta solidaria promovida pola Asociación de Amigos do Camiño xunto coa Garda Civil e coa colaboración da Xunta de Galicia en beneficio de Alume.

O percorrido será dun total de 10 quilómetros polo Camiño Primitivo, entre Bascuas e o centro da cidade. A saída está prevista ás 9.00 horas desde a praza de Bretaña, onde os participantes se concentrarán antes de desprazarse en autobús ata o punto inicial da ruta.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 22 de setembro, cun custo de 10 euros que deben aboarse na conta bancaria da asociación. Tamén se ofrece a posibilidade de colaborar adquirindo un “Dorsal 0” por 7 euros, que non implica participación na actividade.

Na presentación do evento déronse a coñecer as camisetas promocionais e participaron o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, o presidente da asociación xacobea, Ángel Trabada, o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Lugo, Luis Germán Avilés, e o secretario de Alume, Óscar Rodríguez, entre outros representantes.

Esta iniciativa celebrouse por primeira vez o pasado ano, cando os organizadores lograron recadar 4.000 euros destinados á asociación ASPNAIS.

⚙ Configurar cookies
0.19258689880371