A sala de exposicións da Deputación de Lugo acolle ‘O derradeiro trazo de xiz’ sobre a memoria das escolas rurais

A sala de exposicións da Deputación de Lugo acollerá entre o 18 de marzo ao 13 de maio a exposición O derradeiro trazo de xiz, un proxecto que forma parte dos obxectivos do Programa 284.01 Sabedoría, unha liña estratéxica impulsada pola Rede Museística Provincial de Lugo destinada á recuperación, posta en valor e transmisión dos coñecementos, experiencias e memorias das persoas maiores como parte esencial do patrimonio colectivo.
A proposta expositiva constrúese arredor dun exercicio de memoria activa centrado nas escolas rurais galegas. Estes espazos preséntanse non só como lugares dedicados á educación, senón tamén como puntos clave de socialización, identidade e creación de comunidade no territorio.
O proxecto nace coa intención de abordar a memoria como un dereito cultural e tamén como unha ferramenta de cohesión social. A iniciativa promove a participación cidadá, o diálogo entre xeracións e o recoñecemento das traxectorias vitais das persoas que viviron e aprenderon nestes centros educativos.
A través de fotografías e relatos audiovisuais, O derradeiro trazo de xiz busca preservar unha memoria que corre o risco de desaparecer co paso do tempo. A mostra encaixa así cos principios de museoloxía social, mediación cultural e educación patrimonial que sustentan o Programa 284.01 Sabedoría.