A SCD Santa Comba crea unha nova Escola de Tecnificación para futbolistas de entre 6 e 12 anos

LugoXa
O proxecto, dirixido por Iván Noé, desenvolverase entre setembro e xuño con sesións en Santa Comba e Lugo e combinará formación técnica, táctica, física e persoal
11 Sep 2026

A SCD Santa Comba presentou este xoves, 10 de setembro, a súa nova Escola de Tecnificación, un proxecto dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos que busca impulsar a súa evolución deportiva e persoal a través dun programa de formación especializado.

A escola estará dirixida por Iván Noé, que conta con máis de 20 anos de experiencia na formación de mozos e mozas. A actividade desenvolverase entre os meses de setembro e xuño, con sesións tanto en Santa Comba como en Lugo.

O programa contempla adestramentos técnicos e personalizados nos que se traballarán de maneira específica as capacidades técnicas, tácticas e físicas dos participantes. A proposta tamén incorpora unha vertente centrada no desenvolvemento persoal dos nenos e nenas.

Ao longo da tempada organizaranse ademais charlas con profesionais vinculados ao deporte, co obxectivo de complementar a formación dos participantes e achegarlles diferentes experiencias relacionadas co ámbito deportivo.

A inscrición na escola inclúe a equipación oficial, seguro deportivo, así como auga e froita en cada sesión. As prazas permanecerán abertas durante todo o ano.

A presentación do curso 2026/2027 celebrouse este xoves ás 20:00 horas na Antiga Escola Local Social – Asociación de Veciños de Santa Comba, situada xunto á Parrillada Santa Comba. Durante o acto déronse a coñecer os detalles do funcionamento da escola e do programa formativo previsto para esta temporada.

0.14241695404053