A SCD Santa Comba impulsa o fútbol base cunha nova Escola de Tecnificación

A SCD Santa Comba deu un novo paso na súa aposta pola formación dos máis novos coa celebración da primeira xornada de portas abertas da súa nova Escola de Tecnificación de Fútbol. A iniciativa comezará oficialmente esta tempada e xa espertou o interese de numerosas familias.
Arredor de 50 nenos e nenas de entre 6 e 12 anos participaron na actividade celebrada este mércores no campo de fútbol de Santa Comba. Durante a xornada puideron coñecer o funcionamento da escola e participar nun adestramento adaptado ás súas idades.
O proxecto busca ofrecer aos novos futbolistas unha formación integral e individualizada, con traballo específico sobre aspectos técnicos, tácticos e físicos. Os contidos adaptaranse ás necesidades e características de cada participante.
A Escola de Tecnificación estará dirixida por Iván Noé, profesional con máis de dúas décadas de experiencia na formación de futbolistas novos, e desenvolverá a súa actividade entre setembro e xuño, con sesións tanto en Santa Comba como en Lugo.
Outro dos elementos destacados da proposta será a presenza ao longo da tempada de diferentes profesionais e referentes do mundo do fútbol, que acudirán á escola para compartir os seus coñecementos e experiencias cos participantes.
Entre os nomes anunciados están Jaime Paz e Fabri González, así como Álvaro, adestrador da SCD Santa Comba, e Irene, responsable da Selección Sub-12 de Lugo. Tamén participarán Adrián Mirón, preparador físico; Fernando Seoane, exxogador do CD Lugo; e Iago Parga e Jacobo Vilariño, futbolistas da SD Sarriana.
A través destas colaboracións, os nenos e nenas poderán coñecer diferentes visións do fútbol e achegarse a experiencias relacionadas co adestramento, a preparación física, a competición e o deporte de alto nivel.
A escola incluirá, ademais dos adestramentos técnicos personalizados, traballo físico e táctico, equipamento oficial, seguro deportivo, auga e froita en cada sesión, así como charlas e actividades con profesionais ao longo do ano.
A elevada participación nesta primeira xornada de portas abertas supón un respaldo inicial para o proxecto e pon de manifesto o interese por novas alternativas de formación deportiva no fútbol base da comarca.
As xornadas de portas abertas continuarán este xoves, ofrecendo a oportunidade a máis nenos e nenas de coñecer a iniciativa antes do comezo da actividade regular no mes de setembro.
A nova escola intégrase na aposta da SCD Santa Comba pola formación das novas xeracións, nun ano no que o club celebra o seu 50 aniversario, coa intención de ofrecerlles novas oportunidades de aprendizaxe e desenvolvemento tanto dentro como fóra do terreo de xogo.