A SCD Santa Comba presenta a súa nova Escola de Tecnificación para nenos e nenas de 6 a 12 anos

A SCD Santa Comba presentará este xoves, 10 de setembro, a súa nova Escola de Tecnificación, unha iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos que nace co obxectivo de potenciar tanto a súa evolución deportiva como o seu desenvolvemento persoal.
O proxecto estará dirixido por Iván Noé, técnico con máis de 20 anos de experiencia no ámbito da formación de xogadores novos. A actividade desenvolverase ao longo da tempada, entre setembro e xuño, con sesións programadas tanto en Santa Comba como en Lugo.
A Escola de Tecnificación ofrecerá un programa de adestramento técnico e personalizado, adaptado ás necesidades dos participantes. O traballo centrarase na mellora das capacidades técnicas, tácticas e físicas, ao tempo que se prestará atención á formación persoal dos nenos e nenas.
Como complemento aos adestramentos, durante a tempada tamén se organizarán charlas con profesionais relacionados co mundo do deporte, co propósito de achegar aos participantes diferentes experiencias e coñecementos vinculados á súa formación.
A inscrición incluirá a equipación oficial da escola, seguro deportivo, así como auga e froita en cada sesión. Deste xeito, a SCD Santa Comba busca ofrecer aos novos futbolistas unhas condicións axeitadas para avanzar na súa aprendizaxe e progresión deportiva.
As prazas permanecerán abertas durante todo o ano, polo que os interesados poderán incorporarse ao programa ao longo da tempada.