A SECAL 2025 consolídase como unha cita cultural clave en Lugo e prorroga a súa exposición

A Semana de Exaltación da Cultura e da Arte de Lugo, SECAL 2025, consolidouse xa como unha cita cultural de referencia na cidade, converténdose nun exemplo de cooperación positiva entre distintos sectores.
A iniciativa, impulsada por Lugo Monumental, conta coa implicación directa dos establecementos participantes, que ceden de maneira xenerosa e desinteresada os seus espazos para que creadoras e creadores locais poidan expoñer as súas obras de forma gratuíta, ao tempo que os artistas reciben unha importante proxección. A valoración por parte de todas as partes implicadas está a ser moi positiva.
Nesta edición, a posta en marcha da exposición viuse condicionada por diversas incidencias, derivadas da coincidencia con días festivos e das enfermidades dalgunhas das persoas participantes, o que provocou un inicio con certa desigualdade. Para compensar esta situación, e tendo en conta o bo acollimento da proposta, desde a Asociación propúxose a comerciantes e artistas prolongar a duración da exposición uns días máis, mantendo as obras expostas ata este venres día 19, unha decisión que foi recibida con gran satisfacción por todos os implicados.
Aínda que algunhas das pezas teñen un carácter exclusivamente expositivo, a maior parte das obras estarán dispoñibles para a súa venda, xestionándose as operacións directamente entre os autores e o público interesado, sen intervención nin da Asociación nin dos locais colaboradores.
Desde Lugo Monumental quixeron tamén aproveitar esta edición para expresar o seu agradecemento á Diócese de Lugo e á área de cultura da Deputación Provincial de Lugo pola organización de catro visitas guiadas, unha á Catedral, conducida polo director do Museo Diocesano, Marcos Calles, e tres ao Museo Provincial da man de Simón Vicente López. Estas actividades acadaron un éxito de público sen precedentes nas edicións anteriores da SECAL, con longas listas de espera.