A SECAL 2025 de Lugo Monumental abre o prazo de inscrición e presenta as súas bases

LugoXa
A Semana de Exaltación da Cultura e a Arte de Lugo celebrarase do 5 ao 14 de decembro e homenaxeará ao arquitecto Eloy Maquieira
SECAL-2024-Lugo-Monumental
14 Nov 2025

A Asociación Lugo Monumental pon en marcha unha nova edición da Semana de Exaltación da Cultura e a Arte de Lugo (SECAL 2025), un evento que arrinca coa publicación das bases e dos formularios de inscrición para artistas e establecementos do casco histórico —tanto asociados como non asociados— interesados en participar na iniciativa.

As bases destacadas esta edición subliñan o espírito desinteresado da semana cultural, deixando claro que nin a Asociación Lugo Monumental nin os locais colaboradores recibirán compensación económica algunha pola súa implicación. O protagonismo recaerá integramente nos e nas artistas, que poderán mostrar a súa obra nos espazos que voluntariamente cedan os negocios participantes.

A SECAL 2025 desenvolverase entre os días 5 e 14 de decembro e estará dedicada ao arquitecto Eloy Maquieira, autor dunha traxectoria que deixou unha pegada relevante na cidade de Lugo a pesar do seu falecemento temperán. A iniciativa continúa así a tradición de escoller un referente cultural para cada edición, tras centrarse en anos anteriores en figuras como Paco Pestana e Vázquez Cereijo, ou en institucións como a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, homenaxeada en 2024.

Ademais das habituais visitas guiadas orientadas a divulgar o patrimonio e a creación artística lucense —que se darán a coñecer proximamente—, o eixo central da semana será de novo a promoción dos artistas a través da exhibición das súas obras en locais do casco histórico. A difusión será totalmente gratuíta e materializarase na cesión de espazos expositivos para que as persoas creadoras amosen o seu traballo.

A participación está aberta a calquera artista, independentemente da súa orixe ou idade. No caso de menores de idade, deberán achegar unha autorización escrita dos seus proxenitores ou titores. Todas as persoas inscritas poderán optar a expoñer de balde nalgún dos locais participantes, sempre que sexan seleccionadas por estes.

⚙ Configurar cookies
0.07292914390564