A sede da Xunta en Lugo acollerá en setembro o Día do adestrador e da adestradora

A sede da Xunta de Galicia en Lugo será o escenario, o vindeiro mes de setembro, dunha nova edición do Día do adestrador e da adestradora, unha iniciativa organizada pola Real Federación Galega de Fútbol que volverá converter a cidade nun punto de encontro para profesionais vinculados á formación deportiva no ámbito do fútbol.
O anuncio foi realizado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, xunto con Manuel Castro e Daniel Moirón en representación da Federación, o primeiro como responsable federativo na provincia e o segundo como integrante do Comité de Adestradores. Todos eles mantiveron unha primeira reunión de carácter preparatorio na que tamén participou o xefe do Servizo de Deportes da Delegación Territorial, Manuel Otero, co obxectivo de comezar a perfilar os detalles organizativos do evento.
Durante o encontro, Javier Arias puxo en valor o traballo da Real Federación Galega de Fútbol, lembrando que hai dous anos esta mesma sede xa acolleu as Xornadas de Actualización e Reciclaxe para Adestradores, unha cita que acadou unha notable resposta tanto pola calidade dos relatores participantes como pola elevada asistencia, que superou as 300 persoas.
O delegado territorial subliñou tamén a colaboración que a Xunta mantén coa RFGF para facilitar o desenvolvemento das súas funcións e actividades, destacando especialmente o papel que desempeñan os clubs de fútbol galegos no impulso do deporte base. Segundo indicou, trátase dun labor esencial para a promoción de hábitos saudables e para a formación deportiva e persoal das xeracións máis novas, un ámbito no que a cooperación institucional resulta clave.