A segunda Carreira Popular Solidaria ‘Tus pasos su alimento’ celebrarase en Lugo o día 23

A segunda edición da Carreira Popular Solidaria ‘Tus pasos su alimento’, organizada polo Colexio Plurilingüe A Milagrosa de Lugo, terá lugar o vindeiro 23 de febreiro co obxectivo de recadar fondos para o comedor social San Froilán.
O delegado territorial, Javier Arias, participou na presentación do evento, que se celebrará o domingo 23 de febreiro a partir das 11.00 horas nas inmediacións do centro educativo.
A carreira constará de cinco circuítos de diferentes distancias, que os participantes deberán completar en función das súas idades. Os percorridos irán desde os 200 metros da modalidade pitufos aos 4.000 metros da modalidade absoluta. De xeito paralelo, desenvolverase unha andaina solidaria de 2.500 metros, que terá saída ás 11.30 horas.
Ademais, para aquelas persoas que queiran colaborar coa causa solidaria sen participar na carreira, establécese unha fila 0 para poder realizar aportacións económicas.
Os fondos recadados irán destinados a mellorar os recursos do comedor social, que apoia ás persoas máis necesitadas da cidade. A organización fai un chamamento á participación cidadá para que a xornada sexa un éxito tanto en termos de solidariedade como de asistencia.