A segunda edición de Lugopoética arrinca en Lugo con seis encontros dedicados á creación literaria

LugoXa
O ciclo, que se celebra na sede da UNED ata decembro, reunirá a destacados poetas lucenses e culminará coa publicación dun libro colectivo en galego
Lugopoetica
10 Oct 2025

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a inauguración da segunda edición de Lugopoética, un ciclo de encontros que promove o diálogo e a reflexión arredor da poesía galega contemporánea.

No acto, participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o delegado territorial, Javier Arias; Antonio Giz, en representación do colectivo organizador; Ana Traseira, directora do centro asociado da UNED en Lugo, e os escritores Gustavo E. Díaz Rey e Xosé Carlos Ulloa, que intervirán tamén nas sesións programadas.

Baixo o lema “Paso a dous”, o proxecto —impulsado pola UNED de Lugo, o Colectivo Egeria e a Xunta de Galicia— busca poñer en valor a creación poética lucense e galega a través de encontros que unen a poetas con vínculos familiares ou creativos.

Esta nova edición de Lugopoética propón seis encontros protagonizados por poetas lucenses, quen compartirán co público fragmentos das súas obras e conversarán sobre a súa traxectoria e o papel da poesía na sociedade actual. As sesións celebraranse na sede da UNED, con entrada libre e gratuíta, en varios xoves ata o mes de decembro, entre as 18:30 e as 20:00 horas.

Ademais de contar con público presencial, os encontros serán gravados e transmitidos a través da rede de comunicación da universidade e difundidos por Internet, co obxectivo de achegar a poesía a novos públicos. Como broche final, editarase un libro de poesía en galego, en formato físico e dixital, que reunirá unha selección de textos dos autores participantes.

O programa arrinca con Mar Ferreiro Rozas, Lucía López Cancio e Gustavo E. Díaz Rey. O 16 de outubro será a quenda de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer; o 30 de outubro, de Ana Vila Portomeñe e Paco Ledo; o 13 de novembro participarán Manuel Regal e Xosé Antón Miguélez; o 27 de novembro, Xoán Neira e Xosé Carlos Ulloa; e o ciclo pecharase o 11 de decembro cun diálogo entre Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes.

Ao remate do ciclo, Lugopoética consolidarase como un espazo estable de creación e encontro literario que reforza o compromiso da UNED de Lugo coa cultura e coa lingua galega.

⚙ Configurar cookies
0.072357892990112