A segunda ruta solidaria do Camiño Primitivo recadará fondos para Alume Saúde Mental

LugoXa
A iniciativa, organizada pola Asociación Provincial de Amigos do Camiño de Santiago, celebrarase o 28 de setembro nun percorrido de 10 quilómetros entre Bascuas e Lugo
ruta-solidaria-Asociacion-amigos-do-camiño-de-santiago-lugo
10 Aug 2025

A Asociación Provincial de Amigos do Camiño de Santiago anunciou a segunda edición da súa ruta solidaria, que nesta ocasión destinará os fondos recadados á entidade Alume Saúde Mental.

A presentación do evento contou coa participación do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o presidente da asociación xacobea, Ángel Trabada; os representantes da Garda Civil de Lugo, Jesús Montaña e Carlos Freire; e o presidente de Alume, Manuel Fernández.

O percorrido será de 10 quilómetros polo Camiño Primitivo, unindo Bascuas co centro de Lugo. Os participantes concentraranse ás 9.00 horas na praza de Bretaña, desde onde partirán en autobús ata o punto de inicio.

As inscricións poderán formalizarse ata o 22 de setembro, cun custo de 10 euros, mediante ingreso na conta bancaria da asociación (ES70 2080 0163 8930 4006 5919).

Ademais, quen non poida asistir poderá colaborar adquirindo un “Dorsal 0” por 7 euros, que non implica participación na ruta. Na súa primeira edición, celebrada o ano pasado, a iniciativa permitiu recadar 4.000 euros que se destinaron á asociación ASPNAIS.

⚙ Configurar cookies
0.15748906135559