A Semana Santa de Castroverde contará cunha programación variada e renovada

Castroverde volverá implicarse de cheo na celebración da Semana Santa cun programa que chega cargado de novidades e cunha clara aposta por fortalecer estas datas no concello.
A organización conta coa implicación do párroco da igrexa de Santa María de Vilabade, Nicolás Susena, natural de Lalín, que leva seis anos á fronte da vida relixiosa da parroquia con só 33 anos. Segundo explica, este período estivo marcado por “moito traballo, sobre todo con numerosas iniciativas novas” co obxectivo de revitalizar a fe e dinamizar a vida comunitaria. Susena subliña a importancia de integrarse na contorna: “cando chegas a un lugar novo, cómpre coñecer á xente, implicarte e ser un máis, para que despois tamén, a través desas relacións humanas, se acheguen a Deus”.
Un dos grandes atractivos desta edición será o concerto 'Ao son de Santa María de Vilabade', protagonizado polo músico Abraham Cupeiro na igrexa parroquial. O recital celebrarase o sábado 28 e o domingo 29, con dúas sesións cada día, ás 18.00 e ás 20.30 horas, e contará coa participación de artistas convidados como As Fillas de Casandra, nunha proposta creada especificamente para este espazo. O párroco puxo en valor o templo, coñecido como a Catedral de Castroverde pola súa relevancia no Camiño de Santiago, destacando que se trata dun Ben de Interese Cultural restaurado que merece ser visitado.

Outro dos momentos máis destacados chegará co Domingo de Ramos, cuxa procesión se consolidou nos últimos anos como unha das citas máis multitudinarias da Semana Santa local. A comitiva partirá ás 11.00 horas desde o Mercado Gandeiro e percorrerá a avenida principal do municipio. Ás 11.45 horas terá lugar a bendición dos ramos diante da Residencia O Castro, para continuar posteriormente ata o Pavillón Municipal, onde se celebrará a misa ante a previsión dunha participación duns 500 asistentes, unha cifra que supera a capacidade da igrexa. No desfile participarán membros da Cofradía Virxe do Castelo e nenos portando carteis cos nomes das 36 parroquias da Unidade Pastoral, ademais do acompañamento musical da Banda Naval de cornetas e trompetas de Viveiro.

O Mércores Santo tamén terá un papel relevante coa procesión da Cofradía Virxe do Castelo, que comezará ás 21.00 horas diante do albergue municipal e percorrerá as rúas de Castroverde ata a igrexa parroquial, onde se celebrará a misa, acompañada pola música da Banda de Gaitas Zuncurrundullo.

No ámbito litúrxico, introdúcense tamén novidades. O Xoves Santo, durante a celebración, o párroco realizará o rito do lavado dos pés aos nenos que este ano recibirán a Primeira Comuñón. O Venres Santo, a partir das 21.00 horas, desenvolverase un Vía Crucis polos distintos cruceiros da parroquia de Sampaio, nun percorrido marcado polo recollimento e a oración.
A Vixilia Pascual recuperará este ano a súa celebración en Vilabade, onde terá lugar ás 20.00 horas. Ao remate, os asistentes compartirán un momento de convivencia con pinchos no local social Paco Pestana de Castroverde.
Con esta programación, a organización pretende seguir coidando e potenciando a Semana Santa en Castroverde, consolidando unhas celebracións que cada ano contan cunha maior participación e que combinan tradición, cultura e vida comunitaria. Neste sentido, Nicolás Susena destaca que o obxectivo é “impulsar que os veciños das parroquias celebren o patrón, que compartan unha comida e unha tarde distendida na que poidan falar e atoparse, porque esas relacións son fundamentais e hai que coidalas e potencialas”.