A Semente celebra o seu tradicional magosto con castañas e teatro infantil en Barbaín

A escola Semente de Lugo celebrará o próximo venres 13 de novembro, a partir das 17:00 horas, o seu tradicional magosto no local de Barbaín, na parroquia de Santa María de Bóveda. A xornada combinará a degustación de castañas cunha proposta cultural dirixida ao público infantil: a obra 'A fada do saco verde', da compañía Loia Producións.
O espectáculo é unha narración oral teatralizada escrita, dirixida e interpretada por Aida Cobas. Conta a historia dunha fada que se sente diferente porque non ten poderes máxicos e sofre as burlas das demais. A través deste relato, a obra aborda a importancia de coidar o medio ambiente e da axuda mutua desde o amor e o respecto. A representación forma parte do Circuito de Teatro Profesional da Deputación de Lugo de 2026.
A actividade terá un prezo de oito euros por persoa e de seis euros para as persoas socias da Semente. Os menores de tres anos poderán asistir de balde. A entrada inclúe as castañas, o espectáculo teatral, unha ración de empanada e unha bebida. É necesaria a inscrición previa a través do correo electrónico lugo@semente.gal.
A Semente de Lugo, situada na antiga escola unitaria de Barbaín, celebra este ano o seu décimo aniversario, despois de abrir as portas en setembro de 2016. O seu modelo pedagóxico baséase na educación en igualdade, no contacto coa natureza e no respecto polos ritmos de aprendizaxe de cada neno e nena. A revitalización da lingua e da cultura galegas é outro dos piares do proxecto, que incorpora ao seu calendario celebracións tradicionais como o Magosto, o Samaín, a chegada do Apalpador, o Entroido e os Maios.