A Sociedade Filarmónica de Lugo presenta a súa nova tempada con 12 concertos

A Sociedade Filarmónica de Lugo deu a coñecer a súa programación para a tempada 2025-2026, que dará comezo o venres 24 de outubro, e que suporá a 79ª edición ininterrompida desde 1947, alcanzando xa o número de 750 concertos con músicos e agrupacións de renome internacional. A programación inclúe doce concertos de outubro a xuño, todos ás 20.00 horas, con orquestras, solistas e grupos de cámara de primeira fila.
A tempada abrirase co concerto do prestixioso Ensemble Praeteritum Sinfónico, que se celebrará no Círculo das Artes o 24 de outubro. O programa estará dedicado ao Cincuentenario de Dmitri Shostakóvich, interpretando a súa Obertura Festiva, o Concerto nº 2 para violín e orquestra e a súa famosa Sinfonía nº 5. Este conxunto instrumental foi creado polo violinista Pablo Suárez Calero en 2011 e desde 2023 funciona tamén como orquestra sinfónica sen director, tras unha recoñecida traxectoria como conxunto de cámara.
Destaca na tempada a presenza de outras dúas orquestras sinfónicas: a Real Filharmonía de Galicia, con dúas citas (5 de decembro e 29 de maio), dirixida por Baldur Brönnimann e Amandine Beyer, respectivamente, e a Orquestra Sinfónica Vigo 430 (21 de marzo), baixo a dirección de Javier Fajardo, cun programa que inclúe o Concierto para violín de Bruch e a Sinfonía nº 5 de Beethoven.
A tempada contará tamén con solistas de prestixio internacional, tanto con orquestras como en recitais ou con agrupacións de cámara: destacan a violinista francesa Amandine Beyer, a oboísta Iria Folgado, os violinistas Abel Tomás e Catherina Lee, o clarinetista Juan Ferrer ou o chelista Raúl Mirás.
Unha das citas máis salientables será a volta do Cuarteto Gerhard ao Círculo das Artes o 28 de novembro, unha das agrupacións de música de cámara máis importantes de España, que repite tras o éxito da súa anterior visita.
Por primeira vez, a tempada formará parte do circuíto Lied The Future, promovido pola asociación Franz Schubert para apoiar a novos talentos europeos no ámbito da canción poética e a música de cámara, cun concerto programado para o 29 de abril.
O piano terá tamén un protagonismo destacado co recital do pianista David Khrikuli, gañador de importantes concursos internacionais, entre eles o Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo 2024, o 16 de abril.
A sección Filharmónica Km. 0, que dá cabida a novos valores da música lucense, terá lugar o 7 de marzo co 1º Premio do último Concurso de Interpretación Musical Xosé Castiñeira, o pianista Álex Barcala, que actuará como solista e tamén con músicos lucenses formando un grupo de cámara.
A Banda Filharmónica de Lugo tamén participará na tempada, o 28 de febreiro, coa dirección convidada de Pablo Marqués. Outros concertos aínda en preparación completarán a programación, que se anunciará coa debida antelación.
Na presentación da nova tempada participaron, entre outros, Rubén Arroxo, que destacou que “desde a Tenencia de Alcaldía continuamos coa nosa aposta firme pola realización de actividades culturais de calidade demostrada a nivel galego, estatal e internacional” e subliñou “o compromiso da Sociedade Filarmónica por manter esta actividade xa consolidada no calendario cultural de Lugo”.