A Sociedade Filarmónica de Lugo programa un concerto do pianista Davit Khrikuli

A Sociedade Filarmónica de Lugo programou para o vindeiro xoves 16 de abril un novo concerto protagonizado polo pianista Davit Khrikuli, que terá lugar ás 20:00 horas no Círculo das Artes de Lugo.
Nado en Xeorxia no ano 2001, Khrikuli está considerado como unha das figuras máis prometedoras da súa xeración. O músico foi finalista do Concurso Internacional de Piano Frederic Chopin 2025, celebrado en Varsovia e recoñecido como un dos certames máis prestixiosos do mundo, onde as súas interpretacións chamaron poderosamente a atención tanto do xurado como do público. Ao longo da súa traxectoria, tamén foi distinguido en diversos concursos internacionais, entre eles o Primeiro Premio no Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo 2024.
O programa do concerto incluirá pezas de destacados compositores da historia da música clásica. Así, interpretará obras de Alexander Scriabin, como dous preludios do Opus 11, “Enigma” Op. 52 nº 2, “Danse Languide” Op. 51 nº 4, dúas danzas do Opus 73 e a Sonata número 10 en do maior, Op. 70.
A actuación completarase con composicións de Franz Liszt, entre elas “Après une lecture du Dante: Fantasia quasi Sonata”, así como con varias pezas de Frédéric Chopin, como a Polonesa Op. 44 en fa sostido menor, o Valse Op. 64 nº 1 en re bemol maior, a Mazurca Op. 56 nº 3 en do menor e a Sonata número 3 Op. 58 en si menor.