A Sociedade Filharmónica de Lugo abre 2026 cun ciclo de catro concertos de cámara de primeiro nivel

A Sociedade Filharmónica de Lugo inicia o ano 2026 cun ciclo especial de concertos de música de cámara incluído na súa tempada estable e protagonizado por formacións e solistas de recoñecido prestixio. A programación reunirase en catro citas concentradas nun período de 30 días, desde o 10 de xaneiro ata o 7 de febreiro, cunha proposta artística de alto nivel.
O ciclo comezará este vindeiro sábado cun concerto a cargo do dúo formado polo violinista Abel Tomás, primeiro violín do Cuarteto Casals, e a pianista británica Emma Stratton. A seguinte actuación terá lugar o 17 de xaneiro e estará protagonizada polo Cuarteto Bretema, unha formación de corda e piano procedente da Escola Superior de Música de Cataluña.
A programación continuará o 22 de xaneiro co trío integrado por Juan Ferrer ao clarinete, Raúl Mirás ao violonchelo, ambos solistas da Orquestra Sinfónica de Galicia, e a pianista Alicia González. O ciclo pecharase o 7 de febreiro cun concerto da oboísta Iria Folgado, solista da Konzerthaus Orchester de Berlín, que actuará acompañada polo seu cuarteto de corda.