A Sociedade Micolóxica Lucus retoma os seus luns micolóxicos coa chegada do outono

A chegada do outono trae de volta os encontros micolóxicos da Sociedade Micolóxica Lucus, unha actividade aberta a todas as persoas interesadas en coñecer mellor os cogomelos que medran na contorna de Lugo. As sesións permitirán identificar especies, resolver dúbidas e achegarse ao mundo da micoloxía, tanto para persoas socias como para quen non forme parte da entidade.
Os encontros terán lugar os luns de 20:00 a 21:30 horas na Casa das Asociacións, situada no Parque da Milagrosa, no local cero. As próximas sesións están programadas para os días 14 e 28 de setembro, 19 e 26 de outubro e 23 de novembro.
A actividade será gratuíta e non será necesario ser socio ou socia da Sociedade Micolóxica Lucus para participar. A entidade anima especialmente a achegarse a aquelas persoas que atopen algún cogomelo que non saiban identificar ou que simplemente queiran aprender máis sobre as especies presentes na contorna.