A poxa nacional de Acruga pecha este sábado o calendario de poxas en Adai

LugoXa
A cita, que se celebrará o día 24 no mercado gandeiro do Corgo, alcanza a súa edición número 106 e ofrecerá 15 xovencas preñadas e dous machos
xovenca-da-Granxa-Gayoso-na-poxa-de-Adai
23 Oct 2026

A poxa nacional que Acruga celebrará este sábado, día 24, en Adai, no municipio do Corgo, pechará o calendario anual de poxas da asociación. A convocatoria, que chega á súa edición número 106, permitirá adquirir 15 xovencas preñadas procedentes da Granxa Gayoso Castro e dous machos propiedade de gandeiros particulares.

A retirada das tarxetas necesarias para participar nas poxas poderá realizarse desde as 11.00 horas no propio recinto gandeiro, mentres que as adxudicacións comezarán ás 12.00 horas. As xovencas sairán cun prezo inicial de 2.900 euros, mentres que os dous machos terán uns prezos de partida de 4.300 e 3.500 euros, respectivamente, establecidos polos seus propietarios, titulares de explotacións en Samos e Castroverde.

As 15 femias proceden do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. Teñen entre 18 e 27 meses de idade e están preñadas de entre un e cinco meses.

Os animais destacan polos seus índices xenéticos e polas súas liñaxes, nas que figuran exemplares como Vitolo AG, Rufino AG, Adrián AG e Fidalgo AG.

Como é habitual nas poxas organizadas por Acruga, as persoas que adquiran algún dos animais poderán beneficiarse de axudas económicas de Caixa Rural Galega para fomentar a compra de exemplares e apoiar a raza autóctona.

As achegas serán de 200 euros por cada femia comprada e de 300 euros por cada macho. A iniciativa busca manter a demanda de animais e impulsar a promoción da raza rubia galega.

0.17384600639343