A Subdelegación do Goberno en Lugo achega o funcionamento da Administración ao alumnado do IES Lucus Augusti

LugoXa
A visita enmárcase nas actividades da Semana da Administración Aberta e incluíu unha charla sobre violencia dixital e ciberviolencia de xénero
subdelegada-do-Goberno-Lugo-e-alumnado-IES
19 May 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, recibiu na sede da Subdelegación ao alumnado de terceiro da ESO do IES Lucus Augusti dentro das actividades organizadas con motivo da Semana da Administración Aberta.

Durante o encontro, a subdelegada lembrou aos estudantes que “detrás das administracións hai persoas e servizos que forman parte da nosa vida diaria”, facendo referencia a cuestións como a solicitude do certificado dixital, os trámites de estranxeiría, os servizos relacionados coa seguridade, a igualdade de xénero ou a atención á cidadanía.

Ao longo da visita, os alumnos e alumnas tiveron ocasión de coñecer as instalacións acompañados por persoal da administración, así como achegarse á historia da institución, cuxas orixes se remontan á figura dos antigos xefes políticos recollida na Constitución de 1812.

A programación incluíu tamén unha charla impartida pola xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller, Rosa María Rivas, centrada na violencia en contornas dixitais e nas ferramentas para previla. A subdelegada destacou que se trata dun asunto que afecta directamente á mocidade. A intervención abordou especialmente a ciberviolencia de xénero e a ciberviolencia sexual, aínda que tamén se fixo referencia ás diferentes formas de violencia dixital existentes.

Olimpia López salientou a importancia de que a mocidade poida coñecer de preto o edificio, a súa historia e o traballo que desenvolven os distintos departamentos da Subdelegación para favorecer que sintan estes espazos públicos como propios.

Dentro da programación da Semana da Administración Aberta, este venres 22 de maio a Subdelegación do Goberno en Lugo celebrará tamén unha xornada de portas abertas dirixida á cidadanía en xeral. As visitas, ata completar aforo, comezarán ás 10 horas e permitirán coñecer o funcionamento interno da institución e os principais servizos públicos que presta.

Estas actividades teñen como obxectivo achegar á cidadanía o funcionamento das administracións públicas a través dos principios de Goberno Aberto, fomentando a transparencia e a participación cidadá.

0.12510204315186