A Subdelegación do Goberno programa visitas, charlas e xornadas de portas abertas pola Semana da Administración Aberta

LugoXa
As actividades desenvolveranse do 18 ao 22 de maio e inclúen visitas ao centro penitenciario de Monterroso, formación e apertura á cidadanía
centro-penitenciario-monterroso
15 May 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, anunciou o programa de actividades que se desenvolverá a partir do vindeiro luns con motivo da Semana da Administración Aberta, unha iniciativa que inclúe unha visita guiada ao Centro Penitenciario de Monterroso, dúas xornadas de portas abertas na Subdelegación e unha charla sobre administración electrónica.

O obxectivo desta campaña é achegar o funcionamento das administracións públicas á cidadanía baixo os principios de Goberno Aberto, como a transparencia e a participación cidadá.

O luns 18 de maio terá lugar unha visita guiada ao Centro Penitenciario de Monterroso dirixida ao alumnado do ciclo superior en Integración Social do Centro Integrado de Formación Profesional da Politécnica de Lugo.

O martes 19 de maio, ás 11:00 horas, a Subdelegación do Goberno recibirá ao alumnado de cuarto da ESO do IES Lucus Augusti, nunha visita na que se lles mostrarán as instalacións e se explicará o funcionamento e orixe da institución. Ademais, a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, Rosa María Rivas, impartirá unha charla sobre violencia en contornas dixitais e a súa prevención.

O xoves 21 de maio, usuarios de centros cívicos asistirán ás 10:00 horas a unha charla sobre “Administración Electrónica”, centrada nos trámites habituais, o uso destes servizos e o acceso ao Portal de Transparencia.

Finalmente, o venres 22 de maio, a Subdelegación abrirá as súas portas ao público xeral, ata completar aforo, cunha visita guiada desde as 10:00 horas. A subdelegada animou á cidadanía a coñecer o traballo da institución como “nexo entre a cidadanía de Lugo e o Goberno de España”.

0.10163617134094