A subdelegada do Goberno destaca no IES Sanxillao o valor educativo do Escape Room de seguridade viaria da DXT

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, visitou o IES Sanxillao, onde un grupo de 24 estudantes de 1º de Bacharelato participou no Escape Room de seguridade viaria impulsado pola Dirección Xeral de Tráfico. Durante a visita, López puxo en valor este tipo de iniciativas formativas ao sinalar que contribúen a construír unha sociedade máis consciente do seu papel na prevención de accidentes de tráfico e na protección da vida.
A responsable gobernamental destacou que o alumnado participante, que en pouco máis dun ano poderá converterse en condutor, pode aplicar os coñecementos adquiridos en situacións reais, algo que, segundo indicou, podería resultar decisivo para salvar vidas.
O Escape Room, coñecido como “A hora de ouro”, é un recurso educativo que a Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo pon a disposición dos centros da provincia e no que se recrea un accidente de tráfico que debe ser resolto en equipo nun tempo máximo de sesenta minutos.
Ese intervalo de tempo, denominado “hora de ouro”, fai referencia ao período crítico que transcorre desde que se produce un sinistro ata que as vítimas reciben atención, no que unha resposta rápida e coordinada pode marcar a diferenza entre a vida e a morte. A actividade, de carácter lúdico e participativo, busca concienciar o alumnado sobre os riscos da circulación e fomentar comportamentos seguros na vía pública.
A dinámica estrutúrase en catro equipos que representan aos principais corpos que interveñen nunha emerxencia real: Garda Civil, Policía Local, persoal sanitario e civís. Todos eles deben cooperar para resolver probas e enigmas vinculados coa seguridade viaria. Ao longo do xogo abórdanse contidos como a conduta P.A.S. —protexer, avisar e socorrer—, os efectos do consumo de substancias na condución, a normativa sobre vehículos de mobilidade persoal e datos estatísticos sobre sinistralidade.
A actividade desenvolverase ata o 17 de maio de 2026 e está aberta á participación dos centros educativos interesados, que deberán contactar antes do 30 de abril de 2025 a través do correo electrónico educacionvial.jptlu@dgt.es. Trátase dun recurso gratuíto dispoñible para centros, entidades públicas e privadas e organizacións con participantes maiores de 14 anos.