A Tenencia de Alcaldía de Lugo presenta o proxecto de humanización da unión de Otero Pedrayo con Río Sil

LugoXa
O proxecto busca crear unha nova zona de plataforma única con preferencia peonil que incluirá prazas de estacionamento e unha nova zona de xogos
arroxo-proxecto-otero-pedrayo
2 May 2026

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, presentaron este venres o proxecto de humanización da unión de Otero Pedrayo con Río Sil.

Durante un encontro coa veciñanza de rúa Otero Pedrayo, a Tenencia da Alcaldía abordou esta iniciativa coa que busca crear un novo espazo de convivencia, co obxectivo de mellorar a calidade de vida e fomentar a participación cidadá na definición dos espazos públicos.

O proxecto, que segundo anunciou Arroxo “está elaborado e listo para ir a Contratación”, busca crear unha nova zona de plataforma única con preferencia peonil que incluirá prazas de estacionamento e unha nova zona de xogos para nenas e nenos, e organizarase en bancais que incluirán diversas árbores.

“Seguimos avanzando na cidade dos 5 minutos, traballando da man das veciñas e veciños para conseguir consensos na transformación do espazo urbano dos nosos barrios”, destacou o Tenente alcalde, que subliñou a importancia de atender ás reclamacións veciñais e animou á cidadanía a facer chegar as súas propostas ao Concello, sinalando que “a información recollida, xunto coas visitas periódicas aos barrios, permítenos planificar mellor as prioridades e o traballo a realizar”.

Para Arroxo, Otero Pedrayo é un novo exemplo “de participación directa da veciñanza na transformación do espazo público” e lembrou que nos últimos meses a Tenencia de Alcaldía mantivo “varios encontros coas veciñas e veciños para saber as necesidades e elaborar este proxecto”.

0.13166403770447