A Tenencia de Alcaldía está xa a licitar o reasfaltado da rúa da Agricultura no polígono do Ceao

A asociación de empresarios de O Ceao As Gándaras reuníronse cos concelleiros do BNG Rubén Arroxo e Alexandre Penas porque desde o Concello queren "coñecer de primeira man as necesidades das distintas empresas do sector e poder planificar os traballos a executar nos vindeiros meses", explicou Arroxo.
Así, recollen as propostas que lles fixeron chegar para tratar de dar solucións e mellorar as infraestruturas no menor prazo de tempo posible. "Nos orzamentos de 2025 gardamos un total de 500.000 euros para realizar actuacións nas zonas industriais da cidade, unha zona que require dun mantemento axeitado debido ao tráfico pesado que soporta", sostivo o tenente alcalde.
Arroxo lembrou que a Tenencia de Alcaldía está xa a licitar o reasfaltado da rúa da Agricultura, no polígono do Ceao, cun orzamento de 134.692,38 euros e un prazo de execución de 12 semanas.
Os traballos inclúen a eliminación da tubaxe de fibrocemento, instalando nova tubaxe de fundición dúctil, ademais da renovación da capa de rodadura con asfalto en quente, mantendo a cota actual do pavimento. Renovarase tamén a sinalización horizontal.