A Tenencia de Alcaldía inicia a renovación do firme da rúa Salvador de Madariaga

Rubén Arroxo, tenente alcalde de Lugo, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron a rúa Salvador de Madariaga, onde comezaron as obras de reconstrución do firme co obxectivo de dar solución ás incidencias detectadas nesta vía.
Segundo explicou Alexandre Penas, a Tenencia de Alcaldía traballa “para garantir as mellores condicións de seguridade nos espazos urbanos”, polo que a actuación céntrase na mellora da capa de rodadura.
Os traballos executaranse en dúas fases: unha entre a avenida Ramón Ferreiro e o número 16, e outra desde o número 20 ata a praza Bretaña. O calendario previsto abrangue o luns 25 e o martes 26 de agosto. Durante este tempo, manterase o acceso tanto a residentes como ao aparcadoiro a través do treito non afectado polas obras.
A intervención inclúe o fresado superficial de toda a superficie e a colocación dunha nova capa de rodadura a base de mestura asfáltica en quente, coas condicións técnicas adecuadas para garantir a durabilidade da actuación. Tamén se procederá ao repintado da sinalización horizontal alterada polas obras, como liñas continuas e discontinuas, pasos de peóns, cebreados e frechas.