A Tenencia de Alcaldía renova o asfalto nas rúas Río Eo e Rof Codina

A Tenencia de Alcaldía está a levar a cabo a renovación do asfalto nas rúas Río Eo e Rof Codina, unha actuación que permite manter en bo estado unhas vías que precisaban dunha intervención integral, garantindo a seguridade viaria e mellorando o aspecto xeral da cidade. Así o explicou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, quen destacou a importancia de actuar de maneira planificada para preservar a calidade dos espazos públicos.
Os traballos consisten na creación dunha nova capa de rodadura mediante mestura en quente, unha solución técnica que asegura o selado do firme fronte á acción da auga superficial e contribúe a prolongar a durabilidade da intervención. Unha vez finalizada a pavimentación, procederase á adaptación dos rexistros existentes e á renovación completa da sinalización horizontal en ambas rúas.
Arroxo subliñou que desde a Tenencia de Alcaldía continúan a traballar na mellora dos barrios da cidade, planificando as actuacións en función das visitas realizadas ás distintas zonas e das reclamacións trasladadas pola veciñanza. Segundo indicou, en cada intervención execútase a solución técnica máis axeitada para garantir un resultado de calidade e duradeiro, co obxectivo de incrementar a calidade de vida e o benestar das persoas que residen na contorna.

QUEIXAS VECIÑAIS
Veciños e veciñas da rúa Rof Codina expresaron o seu malestar polo estado do recente asfaltado realizado na vía, ao considerar que os traballos se executaron en condicións inadecuadas e sen atender necesidades básicas de seguridade e accesibilidade. Segundo explican, o asfalto foi botado un día no que chovía, algo que, ao seu xuízo, pode afectar gravemente á súa durabilidade e provocar que se levante nun curto espazo de tempo.
Os residentes cualifican a actuación como un simple “apaño” e mostran a súa preocupación polo resultado final da obra. Aseguran que o acabado non ofrece garantías e que será cuestión de tempo comprobar canto tarda en deteriorarse o pavimento recentemente colocado.
Ás críticas polo procedemento súmase o feito de que non se asfaltaron os aparcadoiros laterais da rúa, o que, segundo indican, deixa unha imaxe irregular da vía e non resolve por completo os problemas existentes antes da intervención.
Outro dos puntos que xera maior indignación entre a veciñanza é a falta dun rebaixe da beirarrúa á altura do número 46. Esta carencia obriga ás persoas en cadeira de rodas, así como a quen empurra carriños de bebés, a circular pola estrada ata chegar ao paso de peóns máis próximo, situado a uns 20 metros. Trátase, segundo denuncian, dun treito especialmente perigoso, xa que é unha vía moi transitada por veciños, coches e camións, polos que ademais circulan a unha velocidade elevada.
Os afectados reclaman que se revisen os traballos realizados e que se acometan as melloras necesarias para garantir tanto a calidade do asfaltado como a seguridade e accesibilidade de todas as persoas que utilizan a rúa a diario.