A Tinería celebra este sábado a súa quinta festa de barrio con música, obradoiros e mercado artesanal

O barrio da Tinería converterase este sábado, 6 de xuño, nun gran espazo de encontro veciñal coa celebración da quinta edición da súa festa organizada pola asociación de empresarios Itineris. A iniciativa, aberta e gratuíta para toda a cidadanía, encherá as rúas do casco histórico lucense de música, cultura, artesanía e actividades participativas durante toda a xornada.
A programación foi presentada na Oficina de Turismo da Xunta de Galicia nun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e a presidenta da entidade promotora, Isabel Lozano, entre outros representantes. Durante a presentación, Villares destacou a implicación do tecido empresarial da zona e sinalou que a rehabilitación urbanística impulsada pola Xunta está contribuíndo á revitalización económica e social dun barrio que, segundo indicou, demostra o seu dinamismo en iniciativas como esta.
As actividades desenvolveranse principalmente nas rúas Tinería e Miño, onde permanecerán instalados durante toda a xornada os postos do mercado artesanal, con produtos elaborados de maneira artesanal, reforzando así o carácter comunitario e dinamizador da celebración.
O programa arrancará ás 12:00 horas no escenario principal, situado no encontro entre as rúas Tinería e Miño, coa representación de “Variettes Rural”, o espectáculo de marionetas de Ton Arenas e Micromina pensado para todos os públicos. A continuación celebrarase un concurso de karaoke con premios e distintas actuacións musicais e sesións de DJ repartidas por varios espazos do barrio.
A música terá un papel protagonista durante toda a xornada. No escenario principal actuarán o DJ Celex Facela e, xa a partir das 20:00 horas, os grupos Mad Martin Trio e Malenne. A programación musical completarase con sesións de DJ Kiko López, desde as 17:00 horas en Tinería 15, e DJ Jimbo no establecemento O Portón.
A festa contará tamén cunha ampla oferta de obradoiros creativos e de artesanía. A iniciativa Tres Caracois desenvolverá actividades tanto no Portón como no Pazo de Orbán, mentres que Marga Portomeñe impartirá os seus talleres no seu local da rúa Miño.
Entre as propostas máis singulares desta edición figura “Barbeiros pola rúa”, unha actividade solidaria que se desenvolverá a partir das 17:00 horas na esquina das rúas Miño e Falcón. Nesta iniciativa, profesionais da perruquería ofrecerán cortes de pelo gratuítos ás persoas que o desexen.
Con esta quinta edición, a Festa da Tinería consolídase como unha das citas de referencia do barrio, combinando cultura, ocio, comercio local e participación cidadá nunha xornada que busca poñer en valor o patrimonio, a actividade económica e a vida social dunha das zonas con máis personalidade do centro histórico de Lugo.