A Tinería celebrará unha festa temática dos anos 70 o próximo xoves
O vindeiro xoves, 28 de xullo, a Tinería acollerá a festa temática Aqueles anos 70, como unha das accións de dinamización deseñadas de xeito específico para o desenvolvemento económico e social deste emblemático barrio da cidade, enmarcadas no movemento Localmente Lucense, posto en marcha pola rexedora, Lara Méndez.
A cita do día 28 contará cunha ampla programación, que se estenderá de 11:00 a 22:30 horas, na Praciña Recanto do Miño, e incluirá unha sesión vermú con Dj, actividades para crianzas, un concurso infantil de baile, un espectáculo de circo, un mercadiño vintage con premios, unha concentración de vespas e, como broche final, un concerto.
Neste senso, Lara Méndez, convidou á cidadanía a participar “nas diferentes actividades previstas, dirixidas a todas as idades, e gozar dunha xornada especial de festa nun barrio senlleiro da cidade como é a Tinería, no que estamos a facer especial fincapé dende o Concello para revitalizalo e poñelo en valor, con actuacións como a creación dun viveiro de empresas municipal, a pé de rúa, onde os participantes poderán atopar unha gran variedade de servizos e produtos de primeira calidade”.
Os comerciantes e particulares que desexen participar no mercadiño vintage, deberán inscribirse para optar a un dos postos que a organización habilitará e onde poderán expoñer os seus produtos ou servizos. Toda a información sobre a xornada, así como os formularios de inscrición poden atoparse en www.localmentelucense.gal/anos70
Concursos
O certame Paradas anos 70, premiará os mellores postos do mercadiño vintage. As persoas e comercios inscritos e seleccionados para ocupar as paradas no mercadiño participarán automaticamente neste concurso. O xurado percorrerá ao longo do día os diferentes postos e avaliará a presencia de elementos típicos dunha parada de mercadiño tematizada nos anos 70.
Os premios serán en forma de vales para gastar nos establecementos adheridos ao movemento Localmente Lucense. Haberá un total de cinco premios, dotados de 50 euros, á: mellor decoración; mellor caracterización; máis orixinal; versatilidade; e popularidade.
Por outra banda, o certame de baile infantil, premiará os mellores bailes de nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. As inscricións serán presenciais, o propio día do evento, de 12:00 a 19:00 horas, no stand Localmente Lucense (Rúa Tinería, nº 36). O xurado valorará a orixinalidade e alegría dos bailes e entregará tres premios de 50 euros, en forma de vales para gastar nos establecementos ahderidos ao movemento Localmente Lucense.
Programación da xornada
11.00 - 21.00 h. Música ambiental e photocall.
11.00 - 12.00 h. Pasarrúas con carriño musical informando das actividades.
11.30 - 12.00 h. Presentación irmandamento de barrios e do Concurso de Paradas.
12.00 - 14.00 h. Mercadiño vintage.
12.10 - 12.30 h. Rodeando a Muralla de Lugo: concentración de vespas a cargo de Vespa Lugo Equipo de Rescate.
12.00 - 14.00 h. Obradoiro infantil de maquillaxe e complementos dos anos 70.
13.30 - 15.30 h. Sesión vermú co DJ Fetén.
16.00 - 20.00 h. Mercadiño Vintage.
16.30 -18.00 h. Xogos cooperativos de onte, hoxe e sempre.
18.00 - 19.00 h. Espectáculo clown e circo.
19.30 - 20.30 h. Concurso de baile infantil anos 70.
20.30 h. Acto protocolar de irmandamento e entrega de premios.
21.00 - 22.30 h. Concerto de Los Alcántara.