A Tradescola celebra a chegada da primavera cun concerto de música tradicional no MIHL

A Tradescola dará a benvida á primavera este mércores 25 de marzo cunha nova proposta centrada na difusión e promoción da música, o canto e o baile tradicional galego. A actividade, titulada “Sons de marzo”, desenvolverase a partir das 20:30 horas no MIHL (Museo Interactivo da Historia de Lugo) e o acceso ao concerto será libre ata completar a capacidade do recinto.
O concerto consistirá nunha audición na que participarán tanto alumnas e alumnos como profesorado do centro, que ofrecerán ao público un amplo repertorio de música tradicional. Ao longo da actuación poderanse escoitar distintas formacións e instrumentos, entre eles canto tradicional, gaitas, requintas, clarinetes, percusións, acordeóns e zanfonas, ademais de pezas acompañadas de baile tradicional.
Esta iniciativa enmárcase dentro da programación habitual da Tradescola, que ao longo do curso combina a formación musical con actividades de divulgación. Actualmente, máis de 300 alumnas e alumnos participan nas diferentes aulas que abrangue o centro, entre as que se inclúen disciplinas como zanfona, gaita, acordeón, clarinete, baile tradicional, pandeiro, pandeira, canto e pandeireta, percusión, requinta e linguaxe musical.
Ademais da actividade docente, a Tradescola promove concertos didácticos de música tradicional dirixidos a escolares de distintas comarcas da provincia, así como audicións, charlas, obradoiros e presentacións co obxectivo de achegar a cultura tradicional á cidadanía.