A Tradescola celebra a tradicional festa dos Maios cunha actividade lúdica e formativa

A Tradescola celebrará este martes 6 de maio a tradicional festa dos Maios cunha actividade lúdica e formativa dirixida ao seu alumnado máis pequeno, que terá lugar na Praza da Soidade.
Esta iniciativa forma parte do compromiso da Tradescola coa difusión e promoción da música, o canto e o baile tradicional galego entre as novas xeracións.
A partir das 16:30 horas, as nenas e nenos da escola elaborarán un maio figurado utilizando elementos naturais como fiúncho, fentos, herbas e flores silvestres, mantendo viva unha das tradicións máis simbólicas da cultura popular galega, relacionada coa chegada da primavera.
Despois, a partir das 17:15 horas, o alumnado infantil ofrecerá diversas actuacións arredor do maio, nas que interpretarán pezas tradicionais cantadas e bailadas, que permitirán ao público gozar do rico patrimonio musical galego.
Esta actividade sumarase ás moitas que a Tradescola está a desenvolver ao longo do curso, complementando as clases regulares de zanfona, gaita, acordeón, requinta, percusión, baile tradicional, canto, pandeireta e linguaxe musical. Ademais, a escola continúa organizando certames e concertos didácticos para escolares de distintas comarcas da provincia, consolidándose como un espazo clave na transmisión da nosa cultura popular.