A Tradescola celebra este martes o seu final de curso no Gustavo Freire

Mañá martes 16 de Xuño, a partir das 19.00 h, celebraremos o fin de curso da Tradescola con un concerto de música e baile tradicional que terán lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. Nesta actividade actuará o alumnado de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, pandeira, pandeiro, percusión e requinta da Tradescola acompañados polos seus mestres.
Con este acto, a escola de música tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s en Lugo, que conta coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a cesión dos locais por parte da Xunta de Galicia e do Centrad (Deputación de Lugo), inicia a recta final do curso no que participaron mais de 300 alumn@s en aulas de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, pandeiro, pandeira, requinta, e linguaxe musical ademais das aulas específicas para os máis pequenos e das aulas de conxunto instrumental.
Ademais das aulas impartidas, neste curso realizáronse numerosas actividades de promoción e difusión da cultura tradicional tanto na cidade de Lugo como en distintas comarcas da provincia.
No último curso, a Tradescola levou a cabo numerosas actividades como os concertos didácticos para escolares celebrados no Corgo, Friol, Sarria, Monforte e Lugo, a xornada Tradicións de Outono, cun magosto e xogos tradicionais para nenos, os concertos de música tradicional do Nadal, as xornadas sobre entroido tradicional, o concerto Sons de Marzo, a celebración dos Maios, a organización dunha nova edición do certame de debuxo para escolares de toda a provincia sobreo baile e os instrumentos da música tradicional, as audicións na rúa do Sons de Maio, o concerto do Conxunto da Tradescola, a organización da Xornada da Carballesa, a festa de fin de curso de alumnado infantil, e agora, para rematar o curso, este Festival de Fin de Curso.