A Tradescola impartirá un novo obradoiro de música tradicional o venres

LugoXa
Con esta xornada sobre o birimbao, que terá horario de 16.00 a 20.00 horas a Tradescola pretende achegarse a este instrumento
Tradescola-e-Concello-de-Lugo-taller
14 Nov 2024

A Tradescola, a escola de música e baile tradicional galego que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, impartirá un novo obradoiro de música tradicional o venres día 15 de novembro.

Con esta xornada sobre o birimbao, que terá horario de 16.00 a 20.00 horas a Tradescola pretende achegarse a este instrumento "co desexo de manter viva unha tradición transmitida de forma oral de xeración en xeración", defenden.

Esta actividade, que conta coa axuda da área de Cultura do Concello de Lugo, é de balde previa inscrición, que pode tramitarse chamando ao 982 229 966 ou enviando un correo a tradescola@gaiteirosgalegos.gal.

Así, a trompa, o birimbao ou a arpa de boca son algúns dos diversos termos cos que se designa este instrumento musical formado por unha lingüeta de aceiro fixada a un marco, normalmente de ferro ou aceiro, por medio dunha cuña incrustada nun pequeno furado situado na parte posterior. Ademais, funciona en contacto coa cavidade bucal, que actúa como aparato resoador. Ao pulsar a lingüeta esta vibra producindo unha nota fundamental e unha serie harmónica, dando a posibilidade de crear tanto ritmos como melodías.

Presente en diferentes culturas de todo o mundo, con gran variedade de formas, tamaños, nomes e usos, destaca a súa capacidade de adaptación aos contextos socioculturais, ao tempo e á propia música. Mantívose vivo dun xeito relevante na zona da Fonsagrada, onde se conservou de forma tradicional tanto a técnica interpretativa como a construtiva, chegando a ser moi popular o seu uso, normalmente solista.

Daniel Do Pando será o encargado de guiar estos obradoiros, nado no lugar do Pando, un casarío do Concello da Fonsagrada, no seo dunha familia de forte tradición musical, aprende a tocar a trompa tendo como mestres e referentes aos tocadores tradicionais deste concello, onde o instrumento conta cun importante arraigamento.

0.19176292419434