A Tradescola leva a música tradicional ao MIHL con ‘Sons de Marzo’

A Tradescola organiza o vindeiro mércores 25 de marzo unha nova edición de Sons de Marzo da Tradescola, unha proposta musical que terá lugar ás 20:30 horas no MIHL (Museo Interactivo da Historia de Lugo), e a entrada será libre ata completar a capacidade do recinto.
O evento reunirá sobre o escenario ao alumnado e profesorado do centro, que ofrecerán unha audición na que a música, o canto e o baile tradicional galego serán os grandes protagonistas. Ao longo da sesión, o público poderá gozar dunha ampla variedade de interpretacións que incluirán canto tradicional, así como pezas interpretadas con gaitas, requintas, clarinetes, percusións, acordeóns e zanfonas.
A actuación estará tamén acompañada de baile tradicional, completando unha proposta que busca poñer en valor o patrimonio cultural galego a través da formación e da transmisión interxeracional.
Desde a organización destacan o carácter aberto da cita, convidando á cidadanía a asistir a unha velada que cualifican como unha “audición inesquecible”, na que a música tradicional será a gran protagonista.