A Tradescola organiza o XII certame de debuxo 'O baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega'

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Esta iniciativa está dirixida a todos os escolares de 1º,2º e 3º de primaria dos centros de ensino da provincia de Lugo
certame-debuxo-Tradescola-cantareiras
22 Apr 2025

A Tradescola, en colaboración coa Área de Cultura da Deputación de Lugo, pon en marcha o XII certame de debuxo 'O baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega - As Cantareiras e a tradición oral'.

Esta iniciativa está dirixida a todos os escolares de 1º,2º e 3º de primaria dos centros de ensino da provincia de Lugo.

Na presentación do certame contouse coa participación da Deputada provincial de Cultura Iria Castro, e da Coordinadora da Tradescola Mónica Fernández.

"Queremos animarvos a participar neste certame, e celebrar cos vosos debuxos a importancia da poesía popular oral, das cantareiras e das pandeireteiras, polo que os debuxos nesta edición tratarán sobre as cantareiras, as pandereiteiras e a tradición oral que acompaña a nosa sociedade desde sempre", explican desde a Tradescola.

A finalidade do certame de debuxo, dirixida ás nenas e nenos de 1º,2º e 3º de Primaria dos centros de ensino da provincia de Lugo, é potenciar e difundir entre os máis pequenos a nosa música e a cultura tradicional galega, incidindo nesta ocasión na tradición oral, nas cantareiras homenaxeadas no día das Letras Galegas 25. "En definitiva, axudar a que coñezan os nosos instrumentos, a nosa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma".

Os debuxos e os dorsos dos debuxos deberanse enviar (escaneados ou fotografiados) por correo electrónico á Tradescola (tradescola@gaiteirosgalegos.gal) ata o 16 de maio de 2024.

O xurado do certame estará composto por membros do profesorado da Tradescola, que seleccionarán un total de 10 debuxos finalistas que serán premiados cun lote de material didáctico.

Dos 10 debuxos finalistas, seleccionarase un gañador, que recibirá un premio consistente na matricula de balde nunha materia na Tradescola no curso 2025/2026.

O centro educativo ao que pertenza o gañador terá tamén un agasallo a maiores, consistente nun concerto didáctico de música tradicional a cargo da Tradescola no curso 2025/2026.

⚙ Configurar cookies
0.16422891616821