A UNED celebrou o Día Mundial da Arte cun baño de bosque e un obradoiro de acuarela nas Terras do Miño

A UNED conmemorou o Día Mundial da Arte cunha actividade desenvolvida nas carballeiras da Reserva da Biosfera Terras do Miño, na que se combinou un baño de bosque cun obradoiro de acuarela ao aire libre.
A proposta enmárcase no programa ODS en Acción do Observatorio ODS da UNED, xestionado desde o centro de Lugo, co obxectivo de promover os valores dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Nesta ocasión, a actividade estivo vinculada ao ODS 12, centrado na produción e consumo responsable, incidindo no uso consciente dos recursos naturais e na conexión co medio.
A xornada comezou cun baño de bosque guiado por Mercedes Rois Díaz, quen acompañou ás persoas participantes nunha experiencia baseada na atención plena e na estimulación sensorial. Esta práctica, coñecida como Shinrin-Yoku, contribúe a reducir o estrés e a mellorar o benestar físico e emocional.
Posteriormente, o acuarelista Oniel Rodríguez López dirixiu un obradoiro de pintura na natureza, no que as persoas asistentes puideron expresar a súa creatividade e plasmar as sensacións vividas durante a actividade.
Con esta iniciativa, a UNED reforza o seu compromiso coa sustentabilidade, a educación ambiental e a promoción cultural, apostando por accións que contribúan a unha maior concienciación social e a un futuro máis sostible.