A Uned de Foz abríu a matrícula para dez cursos de extensión universitaria
O centro da Uned de Foz abriu a matrícula para dez cursos de extensión universitaria. Foron presentados polo alcalde focense, Fran Cajoto; o concelleiro de Educación, Héctor Morís; e a coordinadora do centro, María Fuensanta Otero.
A responsable da Uned de Foz explica que “as actividades de extensión universitaria son todos aqueles cursos, xornadas, seminarios, congresos, etcétera, que se realizan baixo as diversas formas da nosa metodoloxía, calquera que sexa a titulación esixida aos alumnos inscritos nos mesmos, encamiñadas á expedición dun certificado. Esta oferta formativa, aberta tanto a estudantes como ao público en xeral, destaca pola súa vertente práctica e pola variedade dos seus temas, que abarcan as diferentes ramas do coñecemento. Ademais da exposición de aspectos teóricos, nos diferentes cursos foméntase o diálogo e o intercambio de ideas”.
Os cursos que teñen aberta a matrícula son os seguintes: monitor de tempo libre (5ª edición). Homologado pola Xunta de Galicia. Será os sábados e domingos, do 19 de outubro de 2019 ao 2 de febreiro de 2020 e é presencial. O de Prevención, Diagnóstico e Avaliación do Maltrato Infantil, unha homologación provisional Academia Galega de Seguridade (AGASP) que se impartirá os mércores 6, 13, 20 de novembro e 4 de decembro de 2019, de 18.30 a 20.30 horas. É Presencial e on line.
Están tamén o de Director de Actividades de Tempo Libre, homologado pola Xunta de Galicia. Será os sábados e domingos do 9 de novembro de 2019 ao 1 de febreiro de 2020 e é presencial. Outro curso sobre A pesca e a súa transformación na Galicia Cantábrica. De Cariño a Ribadeo: artes, salgadura e conserva, que se impartirá os martes do 26 de novembro de 2019 ao 24 de marzo de 2020, de xeito presencial e on line.
Outro máis sobre prevención da violencia no ámbito familiar, é un curso válido como formación continua para mediadores do Ministerio de Justicia do Goberno de España, que conta cunha homologación provisional da Academia Galega de Seguridade (AGASP). Impartiráse do 27 de novembro ao 3 de decembro de 2019, de 16.00 a 21.00 horas, tanto presencial coma on line.
Hai outro sobre Educación afectivo sexual: Recursos para a Igualdade, os días 9, 10, 12 e 13 de decembro de 2019, de 16.00 a 18.00 horas, de tipo presencial e outro máis titulado Coidados ao Ancián, que se impartirá do 9 ao 13 de decembro de 2019, de 16.30 a 20.30 horas, de tipo presencial.
O de Biodiversidade e conservación mariña (4ª edición) será do 9 ao 13 de decembro de 2019, de 17.00 a 21.00 horas, tanto presencial coma on line). O de Deseños 3D con Freecad (Parte I) que se desenvolverá do 9 e o 16 de xaneiro de 2020, de 16.30 a 20.30 horas, presencial e online e o da historia local do Concello de Foz en 20 historias que será os luns do 20 de abril ao 18 de maio de 2020, de 16.30 a 20.30 horas, presencial.
Os interesados poden recibir máis información poñéndose en contacto coa Aula Universitaria de Foz no teléfono 982 133 699 ou por whatsApp no 604 034 549 ou por correo electrónico en foz@lugo.uned.es.