A UNED de Lugo acollerá un seminario interforzas sobre ocupación e allanamento ilegal

A UNED de Lugo celebrará este martes, 28 de abril, ás 17:00 horas o primeiro seminario interforzas dedicado ao estudo xurídico e operativo da ocupación e do allanamento ilegal. A actividade reunirá a máis de sesenta profesionais dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, cunha destacada presenza de membros da Policía Local, da Garda Civil e da Policía Nacional, consolidando o centro como espazo de formación especializada e de colaboración institucional.
O acto de inauguración contará coa participación da subdelegada do Goberno en Lugo e da directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, que darán a benvida ás persoas asistentes e porán en valor a importancia desta formación para fortalecer a coordinación entre institucións.
O seminario reunirá un panel de relatoras e relatores de alto nivel no ámbito xurídico. Entre eles destacan Sandra Piñeiro Vilas, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, xuíza e profesora titor da UNED de Lugo; José Luis Deaño Rodríguez, maxistrado do Xulgado de Primeira Instancia nº 5 de Lugo e profesor titor da UNED de Lugo; e Adriano Jacinto Alfonso Rodríguez, doutor en Dereito, xuíz, mediador, profesor titor da UNED de Lugo e coordinador da actividade. As súas intervencións achegarán unha visión integral desde as perspectivas penal, procesual e operativa.
O programa abordará cuestións clave como o novo mapa organizativo xudicial tras a recente reforma procesual, os delitos de allanamento e ocupación ilegal, así como a investigación procesual e policial neste ámbito. Un dos eixos centrais será a análise do novo marco derivado da Lei de Eficiencia Procesual, que introduce cambios relevantes na organización xudicial a través dos Tribunais de Instancia.
A xornada pecharase cunha mesa redonda orientada ao intercambio de experiencias entre os distintos corpos participantes, co obxectivo de reforzar a cooperación interinstitucional ante fenómenos delituosos complexos.
Esta actividade enmárcase no ciclo formativo en Dereito impulsado pola UNED de Lugo, consolidando o seu compromiso coa formación continua e co apoio ás profesionais e profesionais da seguridade e da xustiza.