A UNED de Lugo acolleu a presentación do libro 'Las pandemias' de Fernando Valladares

O Centro Asociado da UNED en Lugo acolleu a presentación do libro Las pandemias, do ecoloxista e investigador do CSIC Fernando Valladares, nun acto que congregou a un numeroso público interesado na relación entre as crises sanitarias e o cambio global. As persoas asistentes, tanto de maneira presencial como virtual, tiveron ademais a oportunidade de levar para casa un exemplar asinado polo propio autor.
O evento, que tamén foi retransmitido en directo e pode volver a visualizarse a través do canal de YouTube da UNED de Lugo, ofreceu unha interesante reflexión sobre como factores como a degradación ambiental, a perda de biodiversidade ou o cambio climático están a incrementar o risco de aparición de futuras pandemias. Valladares subliñou a necesidade de incorporar a ecoloxía como ferramenta clave na prevención de novas crises sanitarias.
Durante a súa intervención, o investigador tamén quixo reafirmar o seu compromiso como padriño do Proxecto #LugoNaturalMente, salientando a importancia da educación ambiental e da sustentabilidade na comarca. A súa exposición espertou un notable interese entre o público, abordando cuestións fundamentais sobre a estreita relación entre a saúde do planeta e a saúde humana.
O éxito desta presentación confirma o crecente interese social polos retos ambientais e a necesidade de continuar impulsando o debate e a concienciación arredor destas cuestións.