A UNED de Lugo amplía a UNED Sénior a sete materias para o curso 2026-2027

A UNED de Lugo abrirá o próximo 28 de setembro o prazo de matrícula da UNED Sénior para o primeiro cuadrimestre do curso 2026-2027, cunha programación ampliada que permitirá pasar de catro a sete materias na sede de Lugo.
A principal novidade deste curso é precisamente o incremento e a diversificación da oferta formativa, que combina diferentes niveis de inglés con propostas relacionadas coa cultura, a creatividade e o desenvolvemento das competencias dixitais. As sete materias serán Inglés básico para o día a día A1, Inglés básico para o día a día A2, Inglés intermedio para o día a día B1, Conectados: redes sociais e vida dixital, Natureza e creatividade: mirar, crear e habitar o mundo, Informática básica e Vivir a arte.
A ampliación da programación supón tamén a incorporación de novas propostas docentes e profesorado. Mary Jordan impartirá os tres niveis de inglés; Icía Rodríguez estará á fronte de Conectados: redes sociais e vida dixital; Bibiana Marful impartirá Natureza e creatividade: mirar, crear e habitar o mundo; Artur Seixo, Informática básica; e Raquel Iglesias, Vivir a arte.
A directora da UNED de Lugo destaca que o crecemento da programación responde á acollida que está a ter o programa entre as persoas maiores de 55 anos. "Pasar de catro a sete materias supón un importante reforzo da UNED Sénior en Lugo. Queremos ofrecer unha programación cada vez máis ampla, diversa e adaptada aos intereses dun alumnado que nos demostra curso tras curso que as ganas de aprender non teñen idade", sinala.
A matrícula abrirase simultaneamente en toda a provincia, tanto na sede de Lugo como en Sarria, Monforte de Lemos e Viveiro, localidades nas que a UNED Sénior está a contar cunha acollida cada vez maior. O programa consolídase así como unha proposta estable de formación, participación e convivencia para as persoas maiores de 55 anos.
As clases en Lugo comezarán a semana do 13 de outubro e desenvolveranse en horarios de mañá e tarde para facilitar a participación. O número de prazas será limitado e o prezo da matrícula será de 50 euros por materia.
O prazo de matrícula permanecerá aberto do 28 de setembro ao 20 de outubro de 2026. As persoas interesadas poderán formalizar a matrícula presencialmente no Centro Asociado á UNED en Lugo, na Tolda de Castela, 4B, ou en liña a través da plataforma de Extensión Universitaria da UNED.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Centro no 982 28 02 02.